130 INSCRITOS NO DÚATLON CIDADE DE LUGO, QUE SE DISPUTARÁ O DOMINGO 11 DE FEBREIRO

Fegatri 08/02/2018
130 INSCRITOS NO DÚATLON CIDADE DE LUGO, QUE SE DISPUTARÁ O DOMINGO 11 DE FEBREIRO

O domingo 11 de febreiro celebrarase o  XXVIII Dúatlon Cidade de Lugo, primeira proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018, con 130 deportistas inscritos. O Dúatlon Cidade de Lugo recibe o nome de “Memorial Alejandro López” en homenaxe ao ex directivo da Federación Galega de Tríatlon.

A proba, que se celebra sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), ten como punto de saída, transición e chegada o Pazo de Congresos. A proba feminina comezará ás 11:30 horas, mentres que a masculina terá dúas saídas (10:00 e 11:20, con corte).

Entre os participantes destaca a presenza de Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial), Luis Miguel Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Jacobo Crego (Olímpico de Vedra), Juan Sebastián Díaz (Club Ciclismo Tríatlon de Poio), Brais Canosa (Arcade Inforhouse) ou o cadete Esteban Basanta (Cidade de Lugo), entre outros. Nesta primeira proba do ano de dúatlon resulta complexo falar de favoritos, xa que aínda non competiron para poder medir o estado de forma.

Na proba feminina, figuran Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) –vencedora do pasado ano-, Mónica Alarcón (NoSportLimir) ou Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo), entre outras participantes.

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018 conta con 4 probas (Cidade de Lugo, Cidade de Santiago, Concello de Riveira e Cidade de Vigo), que son clasificatorias para o Campionato Galego, que se celebrará en Narón o 14 de abril. Clasificaranse en cada unha delas 22 deportistas segundo as condicións aprobadas no Regulamento de Competicións FEGATRI 2018.