ANTONIO SERRAT, CAMILA ALONSO, CARMEN GÓMEZ E INÉS SANTIAGO DISPUTARÁN O CAMPIONATO DE EUROPA SUB 23 EN HUNGRÍA

3 de Agosto de 2017

Catro galegos (Antonio Serrat, Camila Alonso, Carmen Gómez e Inés Santiago)  participarán esta fin de semana no Campionato de Europa sub 23, que se celebrará en Velence (Hungría).

O sábado 5 de xuño celebrarase o Campionato de Europa sub 23 individual, mentres que o domingo terá lugar a proba de relevos mixtos. A proba feminina, coas tres deportistas do Tríatlon Ferrol na lista de saída, comezará ás 13:00 horas. A inscrición está formada por 42 triatletas de case unha vintena de países. Inés é a galega que chega en mellores condicións físicas, mentres que Camila é a de maior experiencia internacional.

Inés Santiago, na súa primeira tempada en sub 23, inda está en período de aclimatación a nova categoría e sobre todo, á distancia olímpica, que será sobre a que se dispute o Europeo sub 23. Inés, a pesar de todo, é ambiciosa: “Os meus obxectivos son, por un lado, estar loitando en todo momento polas primeiras posición e, por outro, acabar satisfeita, xa que será o segundo tríatlon que faga sobre a  distancia olímpica. Este vai a ser o meu debut en categoría sub 23 e na primeira que fixen sobre a distancia olímpica non acabei nada satisfeita, sufrín moito e me costou moito acabalo”. Santiago está moi contenta por como está sendo a tempada e sobre todo “porque levo uns meses adestrando ben e sen lesións e iso para mi é fundamental, porque un dos hándicaps que teño é que me lesiono fácil e non podo chegar ás competicións con todos os adestramentos que me gustaría. Por iso estou moi satisfeita e agora só penso en que comece a proba en Hungría e facelo ben”.

Camila Alonso acaba de comezar a competir despois de dous meses parada por unha lesión no ombreiro. Por iso “o meu obxectivo é facelo o mellor posible, porque non estou no meu mellor estado de forma. Estame costando coller ritmo despois da caída, así que o tomo como unha preparación para o Mundial, que será en setembro”. Para poder estar diante, a nosa deportista necesita facer unha boa natación, “para chegar á bicicleta e a carreira con opcións, que é onde me desenvolvo mellor”.

Carmen Gómez, tamén chega un pouco tocada a esta proba: “Non estou no mellor estado de forma nin moito menos. Levo máis de dous meses lesionada e non podo adestrar con normalidade”. Por iso, “o obxectivo principal é gozar, coller experiencia e ir adaptándome a esta nova categoría sub 23 e á distancia olímpica, o dobre á que estou acostumada”. O que ten claro Carmen é que “vou a dar o máximo, gozar coa proba e pelexar ata o final”.

Na proba masculina (17:00 horas) contaremos coa participación do vigués Antonio Serrat, que lucirá o dorsal número 1. O vigués está a realizar unha grandísima tempada, xa máis adaptado a esta categoría e mellorou moito no segmento de natación. Nesta proba están inscritos un total de 54 deportistas de máis de 20 países europeos.

Para o vigués o principal obxectivo é “ter boas sensacións en carreira e ser competitivo. É un europeo polo que para estar adiante hai que facer unha boa carreira e non cometer erros. Poder facer unha boa natación permitiríanos estar desde o principio en carreira. A isto hai que sumarlle unha bicicleta consistente e logo unha boa carreira para poder pelexar o máis adiante posible”.

Sobre os rivais, Serrat indicou que “a todos hai que telos en conta, xa que todos chegaremos con ganas para facelo ben no Europeo sub-23. Os húngaros terán un punto máis de motivación  xa que corren en casa e veñen de facer grandes papeis en Copas do Mundo. A selección  inglesa trae un bo equipo que tamén estará adiante, do mesmo xeito que a portuguesa e a española. Hai moitos triatletas de nivel e será unha carreira moi pelexada”.

A proba sub 23 celebrarase sobre a distancia olímpica, polo que os deportistas terán que nadar 1.500 metros, facer 40 quilómetros en bicicleta e correr 10 quilómetros.

O domingo  celebrarase o Europeo de relevos sub 23, pero aínda non se coñecen os nomes dos deportistas que conformarán os equipos. Daranse a coñecer trala proba individual. En relevos as distancias serán de 300 metros de natación, 7.88 quilómetros de bicicleta e 1,85 de carreira a pe.

Resultados 2006. O pasado ano, Antonio Serrat rematou moi preto do podio, ao finalizar na cuarta posición no Europeo sub 23 celebrado en Burgas (Bulgaria). Ese ano a proba celebrouse en distancia sprint. No 2006 tamén participou Camila Alonso, que saía dunha lesión e non puido ter unha boa actuación (foi 35ª).

Quizáis che interese…