ANTONIO SERRAT E EDYMAR DANIELY BREA GAÑAN O DÚATLON CIDADE DE SANTIAGO

3 de Marzo de 2018

Antonio Serrat e Edymar Daniely Brea (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse vencedores do XVI Dúatlon Cidade de Santiago, segunda proba do circuíto Galego de Dúatlon 2018. Precisamente estes mesmos deportistas acadaron o triunfo nesta proba o pasado ano. Foi unha xornada deportiva completa, cun dúatlon escolar pola mañá e unha proba popular pola tarde.

Moito frío durante a proba, aínda que afortunadamente a choiva respectou o desenvolvemento das carreiras, o que permitiu unha maior seguridade para as e os deportistas. Na categoría masculina, comezou mandando na proba Brais Canosa (Arcade Inforhouse), con Antonio Serrat un pouco retrasado. Pero pouco despois de cumprirse o primeiro quilómetro, Antonio logrou pillalo e superalo, e así estivo en cabeza ata o final da proba. Por detrás de Brais Canosa e na terceira posición, Brais Misa (Atletismo Porriño), e estas posicións mantivéronse ata o remate da proba. Así, triunfo para Antonio Serrat (54:14), segunda posición para Brais Canosa (55:51) e terceiro, Brais Misa (57:21).

En chicas, as irmás Brea marcaron un ritmo moi alto dende o principio e lograron marcharse xuntas, con Nerea García (cadete de segundo ano) na terceira posición, aínda que cedeu un pouco no tramo  final do primeiro segmento porque tiña algunhas molestias. En bicicleta, as Breas seguen adiante, con Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo) e Teresa Barreira (Tríatlon Ferrol) formando o dúo perseguidor, e un pouco máis atrás Nerea García. E así chegan á T-2, onde Edymar logrou sacarlle unha pequena distancia a súa irmá, que foi a que mantivo ata meta. Así o podio quedou formado por Edymar Brea (01:04:47), na primeira posición; Joselyn Brea (01:05:09) segunda e Teresa Barreira (01:08:37), terceira.

A saída, transición e meta estaban instaladas xunto ao Estadio de San Lázaro e a proba disputouse sobre a distancia sprint (5 quilómetros de carreira a pe, 18,5 de bicicleta e 2,5 de carreira).

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018 conta con 4 probas (Cidade de Lugo, Cidade de Santiago, Concello de Riveira e Cidade de Vigo), que son clasificatorias para o Campionato Galego, que se celebrará en Narón o 14 de abril. Clasificaranse en cada unha delas 22 deportistas segundo as condicións aprobadas no Regulamento de Competicións FEGATRI 2018. Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamáronse vencedores do XXVIII Dúatlon Cidade de Lugo.

 

 

Quizáis che interese…