Antonio Serrat: “O consello máis repetido é que o pase ben no Mundial e o dea todo”

Fegatri 09/09/2013

A base do tríatlon galego estará representada por Antonio Serrat no campionato do Mundo junior de tríatlon que se disputa este xoves en Londres.

Definido nunha palabra polo responsable da tecnificación da FEGATRI, Jonathan Cancela, con DISCIPLINA, Antonio Serrat (Vigo, 1995, Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) non ten límites no seu debut ante os mellores do mundo na súa categoría.

  • Tes algunha esixencia no Mundial junior ou o feito de ter logrado a praza xa é un premio en si mesmo?
  • Non tiña pensado ir así que será unha bonita experiencia.
  • A que posto che gustaría chegar?
  • Ao primeiro sería o mellor pero só quero estar contento por telo dado todo nadando, en bici e a pé. Á xente que quede diante de min dareille os parabéns.
  • Jonathan Cancela di que, pola túa carreira a pé, podes chegar ao top-10.
  • Polo Europeo –no que foi sétimo– podería dicir que si pero hai xente que xa foi antes a campionatos do Mundo.
  • Como visualizas que podería desenvolverse a competición?
  • Cos meus rivais só coincidín este ano na Copa de Europa de Quarteira e no Europeo de Turquía e o ano pasado na Copa de Europa de Águilas. A xente que nada tira moito na auga, entón, se hai un corte e en bici quedo no segundo ou no terceiro grupo, buscarei aliados para enganchar e correndo non me volverei tolo.
  • Tes analizados aos triatletas aos que te vas enfrontar?
  • Aos poucos que coñezo. Podo saber que un corre máis que o outro pero coñezo dez como moito.
  • Levas na mente algún consello especial?
  • Que o pase ben e o dea todo. Con esas palabras exactas puideron dicirmo dende Jonny a meus pais ou compañeiros doutros clubs.
  • O teu último test de competición foi o bronce do Tríatlon do Miño, todo vai segundo o previsto?
  • Polos últimos adestramento, si. Confianza teño en min pero o día da carreira pode pasar calquera cousa.
  • Vanse notando os nervios nestes días de adestramentos previos ao Mundial?
  • Nervios non pero adestrando entra un calafrío de que vai ser algo grande. Ao mellor notaranse máis coa viaxe e o día da proba.
  • Como preparaches a recta final?
  • En Pontevedra para adestrar con Jonny ou en Vigo só. Algún día cun equipo ciclista ou coa miña irmá Irene que me tomaba os tempos.
  • Formando parte do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, por que cres que Galicia conta con tantos representantes no Mundial deste ano?
  • Dende hai moito tempo en Galicia sempre houbo moito nivel con Iván Raña e Javi Gómez Noya. Que Gómez Noya estea outra vez na final do Mundial pode facer que máis xente se anime a facer tríatlon.

Antonio Serrat competirá o xoves 12 de setembro ás 11.00 horas no campionato do Mundo junior de tríatlon –horario en Galicia-.