ARCADE INFORHOUSE, CAMPIÓN GALEGO DE TRÍATLON POR EQUIPOS CONTRARRELOXO MASCULINO E FEMININO

ARCADE INFORHOUSE, CAMPIÓN GALEGO DE TRÍATLON POR EQUIPOS CONTRARRELOXO MASCULINO E FEMININO

13/05/2018
ARCADE INFORHOUSE, CAMPIÓN GALEGO DE TRÍATLON POR EQUIPOS CONTRARRELOXO MASCULINO E FEMININO

Arcade Inforhouse foi o gran protagonista no Campionato Galego de Tríatlon por equipos contrarreloxo, que se celebrou hoxe en Vilagarcía. O club de Santiago proclamouse campión galego tanto na categoría masculina, como na feminina.

Na categoría feminina, logrou o título galego o Arcade Inforhouse, que foi o mellor no segmento do ciclismo, para despois confirmar a súa vitoria na carreira a pe (co segundo mellor parcial). O tempo final do Arcade foi de 1:13:36. A segunda posición foi para Motobike Galaico Pontevedra (1:14:11), que fixo unha magnífica natación, e o terceiro posto foi para o Náutico de Narón, que defendía o título do 2017 (1:16:42).

Na proba masculina, mesmo protagonista, aínda que neste caso houbo moita máis emoción, xa que as diferenzas foron mínimas. O Arcade proclamouse campión galego por só tres segundos de vantaxe sobre o Cidade de Lugo. O podio quedou formado polo Arcade Inforhouse (1:01:17) na primeira posición; o Cidade de Lugo Fluvial foi segundo (1:01:20) e o bronce foi para o Natación Riveira (1:01:32).

Nesta modalidade de contrarreloxo, os equipos van saíndo de xeito escalonado cada minuto, e están compostos por entre 4 e 6 compoñentes, que disputan a proba agrupados. Ao final conta en meta o tempo do cuarto integrante do club, despois de completar un percorrido de 750 metros de natación,  20 quilómetros en bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pe.

Na categoría escolar triunfos para o Cidade de Lugo Fluvial (feminino) e Tríatlon Ferrol (masculino). As distancias neste campionato foron de 300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 2 quilómetros de carreira a pe.

TRIVILAGARCIA 2018