Arrinca o curso no CGTD sen esixencias en títulos pero con obxectivos claros

Fegatri 09/10/2013

O programa de tecnificación da FEGATRI bota a andar nun novo curso e o técnico responsable, Jonathan Cancela, ábrenos as portas do CGTD de Pontevedra, algo que xa fixo o pasado domingo nunha xuntanza cos pais dos bolseiros de tríatlon 2013-2014 no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

“Expuxemos a normativa federativa, por exemplo, en canto a indumentaria ou asistencia a competicións. Falamos da compatibilidade con outras licenzas para facer natación ou cross pero nunca dun xeito exclusivo, senón compaxinando co tríatlon que é polo que están aquí”, comenta o adestrador da FEGATRI.

A xuntanza propiamente dita tiña lugar con cada pai ou nai individualmente despois dunha presentación xeral na que o presidente da Federación Galega, Paco Villanueva, centrábase na importancia dos estudos, aos que se lle dá prioridade, o director técnico da FEGATRI, Luis Piña, detallaba a organización das equipacións e como os triatletas deben valorar e coidar o material do centro, e Jonathan Cancela lembraba que os novos xa se adaptaron moi cedo porque o grupo xa se coñecía pero chegarán épocas duras por esixencia nas probas, nos adestramentos ou por lesións.

Deste xeito, comeza unha relación máis estreita cos deportistas e as súas familias. “Con case tódolos pais xa tiña tratado antes, por exemplo, para orientalos para pedir a beca. Cos nenos, tentei que tódolos que tiñan proxección participasen en concentracións polo menos de tres días para coñecelos e algún viu ao campionato de España Escolar”, lembra Jonathan Cancela.

Nunha temporada na que se amplía un ano a categoría cadete e se reduce outro na junior con respecto ao que viña sendo habitual, o adestrador da base da FEGATRI agarda da maior, da junior de segundo ano Diana Cotón (Arcade Inforhouse de Santiago), que “siga na liña madurativa deportiva que ten e que dea un salto de calidade na natación, que está a ser un obstáculo para ela a nivel internacional cos ritmos que hai”.

Sobre o grupo de cadetes de terceiro ano, Jonathan Cancela lamenta que unha lesión no cóbado condicionase o ano de Sara Guerrero (Narón Vista Óptica). “Ata xaneiro ou febreiro era das tres do 97 que quizais estaba en mellor forma aínda que non tiña porque ter dado mellores resultados deportivos. Precisa máis madureza en competición”. En cambio, as que dominan mellor as situacións en carreira son Inés Santiago e Carmen Gómez (Triatlón Ferrol). A pontevedresa Gómez debe “consolidarse dentro do tríatlon despois de pasar pola natación porque o cambio foi moi rápido e hai que darlle tempo”. Pola súa banda, a ferrolá Santiago, que sorprendía colgándose unha medalla en tódolos campionatos de España 2013 pero que confiaba en clasificarse para o Europeo Youth, tería que “ir acadando máis autoconfianza e a mesma ilusión, con algunha exposición nacional elite e a ver se internacionalmente”. Por último, como nova incorporación pero da mesma idade, Raúl García (Club Olímpico de Vedra) sabe que “o seu hándicap fronte o resto dos nenos é a natación pero, con calma, porque ten capacidade de traballo, ilusión e moita cultura deportiva”.

Dous dos integrantes da selección galega no campionato de España Escolar 2013, os cadetes de segundo ano Marcos Ruiz (Triatlón Ferrol) e Víctor Souto (AD Fogar) inician esta temporada a súa progresión como triatletas no plan de tecnificación da FEGATRI. O adestrador dos internos no CGTD traballará en que Víctor Souto “mellore en estruturar as competicións e relacionar os adestramentos coas probas porque igual sae a estoupar no primeiro quilómetro e medio e logo se dá de conta de que aínda hai máis carreira”. A concentración será o que se deba pulir no caso de Marcos Ruiz xa que “ten potencial físico e agora hai que darlle forma. Onde ten un maior dominio é na bici, para a súa idade, ten un control que lle dá para dous anos”.

O máis novo da sección de tríatlon no CGTD será o cadete de primeiro ano Mauro Paredes (Triatlón Riveira). “Ten unha procedencia máis analítica, vén da natación e o seu hándicap é a carreira a pé pero, se con todos se traballa a longo prazo, no seu caso máis aínda”, valora Jonathan Cancela.

Tódolos aspectos que clubs, técnicos, familias ou deportistas desexen aportar sobre a tecnificación da FEGATRI, o próximo sábado 19 de outubro haberá a posibilidade de debatelos nas Xornadas Abertas sobre Categorías Menores.