BRAIS MISA E MARÍA MARTÍNEZ, GAÑADORES DO V DUATLÓN CROSS DE MASIDE

25 de Xaneiro de 2015

Brais Misa (Atletismo Porriño) e María Martínez (licenza dun día) proclamáronse hoxe gañadores do V Duatlón Cross Concello de Maside, que é a segunda proba do Circuíto Galego e tamén forma parte do Gran Premio Aviamán Cross.

Nesta segunda proba da tempada non houbo grandes sorpresas. Así, na proba masculina houbo unha intensa loita polo triunfo entre dous dos deportistas que se atopaban no grupo de favoritos. Darío Manuel Otero (Team Corbelo) e Brais Misa (Atletismo Porriño) loitaron ata o final polo triunfo, e finalmente foi Brais Misa o primeiro en atravesar a liña de meta cun tempo de 1.30:50, mentres que segundo foi Darío Manuel a só nove segundos (1.30:59). A terceira posición, un pouco descolgado, foi para David Landeira (Independentes) cun tempo de 1.33:18.

Na categoría feminina houbo intercambio de posicións con respecto á primeira proba do circuíto, disputada en Beariz. Onte proclamouse gañadora María Martínez (licenza dun día) que chegou a meta cun tempo de 2.02:24 e bastante vantaxe sobre a segunda clasificada,  Ana Varela (vencedora en Beariz), que logrou o segundo posto con 2.05:23.  O último chanzo do podio foi para Ana María López (Tri Ourense) a máis de cinco minutos de distancia (2.11:26).

O resto dos gañadores foron:

  • Júnior: Miguel González (licenza dun día).
  • Veterán 1: Elpidio Gómez (Beariz Tríatlon) e Ana López (Tri Ourense).
  • Clubs: O Treito (masculino).

Os participantes tiveron que correr 6 quilómetros, fixeron 20 quilómetros en bicicleta de montaña e remataron con 3 quilómetros a pe. A proba comezou na Alameda de Maside e o circuíto de bicicleta discorreu nun 85 por cento por montaña, pola paraxe natural do Puzo do Lago.

O Circuíto Galego de Duatlón Cross está formado por tres probas: Beariz, Maside e Samieira. Haberá clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz resultaron vencedores Marcos Mayo e Ana Varela.

Quizáis che interese…