CAMILA ALONSO E ANTONIO SERRAT, CAMPIÓNS GALEGOS DE TRÍATLON 2018

19 de Agosto de 2018

Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe en Ferrol campións galegos de tríatlon 2018. Foron dúas probas apertadas e fermosas, nas que o tríatlon galego volveu amosar as súas credenciais, con deportistas dun altísimo nivel.

Na proba masculina a natación foi moi rápida con Carlos Brión marcando o ritmo. Pero os favoritos lograron colocarse e saíron ben da auga, con Antonio Serrat na terceira posición e Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) na segunda. A bicicleta foi decisiva. De entrada formouse un grupo de tres deportistas con Serrat, Velásquez e Cendán, pero na segunda volta o vigués aproveitou unha subida adoquinada para atacar e escaparse, aínda que Luismi reaccionou e logrou pillalo. Así os dos compañeiros do Terras de Lugo fixeron xuntos as dúas últimas voltas de ciclismo e abriron distancias claras cos perseguidores.

Na carreira a pe, Antonio Serrat -campión galego nos anos 2015, 2016 e 2017- marcou o seu ritmo e logrou escaparse para chegar a meta en solitario e proclamarse gañador do XVIII Tríatlon Concello de Ferrol e do Campionato Galego de Tríatlon 2018 cun tempo final de 58:52. Segundo e subcampión galego foi Luismi Velásquez (1:01:10) e terceiro, Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo final de 1:01:47.

Na categoría feminina, as deportistas do Tríatlon Ferrol, que competían en casa, foron protagonistas.  Da auga saíu un grupo de 8 deportistas, con todas as favoritas (Camila Alonso, Carmen Gómez, Joselyn Brea, Edymar Brea, Saleta Castro ou Inés Santiago), e na bicicleta lograron abrir distancias Camila Alonso e Carmen Gómez, mentres que Joselyn tivo que abandonar despois de varios mareos.

As dúas deportistas de cabeza lograron case minuto e medio de distancia sobre as perseguidoras de forma que o título galego tiña que decidirse na carreira a pe entre elas. E aí foi máis rápida Camila Alonso que logrou proclamarse campioa galega cun tempo final de 1:07:42. Carmen Gómez foi segunda e subcampioa (1:08:08), mentres que a terceira posición foi para Edymar Brea (1:09:44). De destacar a cuarta posición de Saleta Castro (Cidade de Lugo Fluvial), máis acostumada ás longas distancias, ou a sexta da cadete Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial).

Os gañadores noutras categorías do Galego foron:

  • Cadete: Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) e Jorge González (Natación Riveira)
  • Júnior: Maria Lois (Arcade Inforhouse) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol)
  • Sub 23: Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo)
  • Veteran@ 1: Aída García (Tríatlon Rías Baixas) e Pedro Pablo Bernárdez (Tríatlon Vilagarcía)
  • Veteran@ 2: Purificación López (Club Hércules Termaria) e Andrés López (Tríatlon Vilagarcía)
  • Clubs: Tríatlon Ferrol (feminino) e Tri-Penta Terras de Lugo (masculino).

O Galego disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe) e a saída, transición e meta estaban instaladas no porto de Ferrol.

CAMPIONATO GALEGO SPRINT 2018 FERROL

TRIFERROL 2018

Quizáis che interese…