CARMEN GÓMEZ, SUBCAMPIOA POR RELEVOS MIXTOS NOS XOGOS OLÍMPICOS DA XUVENTUDE EN NANJING

21 de Agosto de 2014

Carmen Gómez tiña unha espiña cravada nos Xogos Olímpicos da Xuventude de Nanjing e hoxe logrou amosar de verdade as súas calidades. A galega non puidera render ao máximo nivel na proba individual por problemas estomacais e hoxe amosou do que é capaz. A galega fixo un mini-tríatlon espectacular (recuperando catro posicións e entregando o relevo ao último membro do seu equipo na primeira posición) e logrou así unha medalla de prata na proba de relevos mixtos dos Xogos Olímpicos da Xuventude. Agora, xa descansará tranquila e poderá contemplar a participación da outra galega presente en China. A pentatleta Aroa Freije competirá os próximos días 22 e 23 de agosto.

Mixed Team Relay Youth Olympics 21.08.2014Despois dunha semana complicada polos problemas estomacais -aínda así logrou a novena praza na proba individual de tríatlon- Carmen comezou a sentirse ben nos últimos dous días. Desta forma, enfrontou a competición con moitas ganas. Carmen formaba parte do equipo Europa III, no que competía xunto a Sian Rainsley (Gran Bretaña), Giulio Soldati (Italia) e Bence Lehman (Hungría), e tomaba o relevo na terceira posición. Cando recibiu a testemuña tiña por diante a catro deportistas (Oceanía, era a máis destacada a uns 30 segundos de distancia). Lanzouse a auga na quinta posición, pero ao saír da mesma xa logrará alcanzar ao grupo de tres deportistas que ían perseguindo á líder. Así na bicicleta as representantes dos equipos Europa 1, 2 e 3 traballaron de forma conxunta para lograr reducir distancias coa líder, Oceanía. Finalmente, no tramo final da bicicleta lograron integrala no grupo e así, os catro equipos comezaron o último segmento xuntos. E precisamente aí, Carmen decidiu dar un paso adiante e atacou con forza, o cal lle permitiu escaparse en solitario e facer o último relevo na primeira posición. Nesta quenda, o húngaro Bence Lehmann logrou a segunda posición, por detrás de Europa 1, e por diante de Oceanía (que foi bronce). Espectacular traballo da pontevedresa, que foi a protagonista do seu equipo con esa gran remontada, e que regresará a casa o próximo día 30 de agosto cunha medalla de prata no peto.

Nesta modalidade de relevos mixtos, cada equipo está formado por catro deportistas (dúas mulleres e dous homes). Cada un dos triatletas tivo que facer un mini-tríatlon: un primeiro segmento de natación de 250 metros polo lago Xuanwu, seguido dunha volta ciclista de 6,6 quilómetros polas inmediacións do parque Xuanwu e  remataron con 1,8 quilómetros de carreira a pé, antes de ceder a testemuña ao seu compañeiro de equipo.

Quizáis che interese…