CATRO GALEGOS NA COPA DO MUNDO DE WEIHAI

28 de Setembro de 2017

Uxío Abuín (Olímpico de Vedra), Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) participarán esta fin de semana na Copa do Mundo de Weihai (China).

Tralo bronce na Copa do Mundo de Huelva, Uxío chega a esta proba coma un dos favoritos para loitar polo triunfo, sobre todo porque xa estamos acostumados a que o galego realice un fin de tempada excepcional. Ademais, o vigués Antonio Serrat quere rematar a tempada con bos resultados, aínda que en Huelva non tivo boas sensacións. O principal problema será saber se están recuperados despois da esixente proba de Huelva e a longuísima viaxe a China (coa diferenza de horario existente).

O mesmo sucederá coas nosas representantes femininas, as irmás Camila e Melina Alonso, que queren estar entre as mellores en China. As distancias nesta proba son olímpicas, é dicir, 1.500 metros de natación na bahía de Halfmoon, 40,2 quilómetros de ciclismo (bastante técnico) e 10 quilómetros de carreira a pe. A proba masculina celebrarase o sábado día 30 ás 8:00 horas, mentres que mulleres 10:45 horas.

 

 

Quizáis che interese…