Catro medallas galegas no Campionato de España de Péntatlon Moderno

Fegatri 16/12/2017
Catro medallas galegas no Campionato de España de Péntatlon Moderno

Catro medallas galegas (unha prata e tres bronces) no Campionato de España de Péntatlon Moderno, que se celebrou esta fin de semana en Guadalajara. A prata foi para Cristóbal Rodríguez na categoría absoluta, mentres que Aroa Freije logrou dous bronces (categoría absoluta e júnior) e Raúl Blanco foi bronce en júnior.

Cristóbal Rodríguez acadou a medalla de prata no Campionato de España de Péntatlon Moderno, repetindo o mesmo posto que o pasado ano, e tamén por detrás do mesmo protagonista, Joan Gispert.  A pesar de que repetiu a prata de 2016, nesta oportunidade Cristóbal amosou unha clara melloría na combinada o que lle permitiu estar loitando ata o final polo título de campión de España, aínda que finalmente caeu a favor de Joan Gispert.

Ademais, hai que destacar o bo papel realizado por Raúl Blanco que logrou a medalla de bronce en júnior, mentres que estivo preto do podio na categoría absoluta, onde rematou na cuarta posición. Raúl perdeu puntos importantes na esgrima, onde non se atopou moi fino, o que lle penalizou bastante, a pesar de que estivo bastante regular no resto das modalidades.

Na categoría feminina, non houbo sorpresa ao proclamarse campioa de España, Laura Heredia, que partía como favorita. De destacar o bronce da lucense Aroa Freije tanto na categoría absoluta coma na júnior. Aroa fixo unha boa natación e moi correcta na combinada, pero fallou na esgrima e na hípica.