CHOIVA DE MEDALLAS GALEGAS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE ACUATLÓN

8 de Xullo de 2018

Se boa foi a xornada do sábado no Campionato de España de Tríatlon na distancia sprint, non desmereceu en nada a do domingo, coa celebración do Campionato de España de Acuatlón en Banyoles. As e os deportistas galegos volveron subir ao podio en todas as categorías, amosando o seu gran momento.

Cadete. Sen dúbida algunha as e os galegos arrasaron nesta categoría durante toda a fin de semana. Elsa Pena (Cidade de Lugo Fluvial) logrou o dobrete, ao vencer tamén hoxe no Acuatlón cunha moi boa remontada a pe. Ademais, Carla Guisande (Cidade de Lugo Fluvial) volveu acadar o bronce, igual que o sábado, correndo moi forte  e remontando (entrou co mesmo tempo  que a segunda). E o resto das galegas tamén estiveron a un nivel excepcional: Henar Diana Cons (Motobike Galaico Pontevedra), que foi a máis rápida na auga, foi quinta e Natalia Castro (Motobike Galaico Pontevedra), sexta. Tamén hai que destacar a magnífica proba de Martina Cons (Galaico) que saíu na saída B e fixo a proba en solitario e estivo impresionante para finalizar na 13ª posición de xeral. Na clasificación de clubs cadetes femininos, triunfo do Cidade de Lugo.

Na categoría masculina, foron os mesmos protagonistas do sábado pero con cambio de posicións. No Campionato de España de Acuatlón venceu Jorge González (Natación Riveira), que foi so dende o inicio, mentres que Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) sumou unha prata. Ademais hai que destacar a novena posición de Martín Cando (Cidade de Lugo Fluvial) ou a 15ª de Jorge Morado (Tríatlon Ferrol). Na clasificación de clubs cadete masculinos, prata para o Cidade de Lugo Fluvial.

Júnior. Na categoría júnior Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) logrou subirse ao podio, aínda que na carreira a pe perdeu algún posto, para finalizar a proba na terceira posición. Nesta oportunidade, Inés Castaño (Arcade Inforhouse) quedou sen metal, ao ser sexta clasificada. Na clasificación de clubs masculinos, bronce para o Cidade de Lugo Fluvial. 

Elite. E continuaron os éxitos na elite. Na proba feminina, triunfo absoluto de Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), que aínda non pode lograr o título de campioa de España, pero volveu a facer unha magnífica remontada na carreira a pe para gañar a proba. Desta forma, o título foi para Francisca Tous, mentres que a nosa Sara Guerrero logrou a medalla de prata e o título de campioa de España na categoría sub 23. 

Na categoría masculina, bronce de Andrés Cendán  (Cidade de Lugo Fluvial), que foi remontando dende atrás. Cendán acadou ademais a medalla de prata na categoría sub 23.  

Quizáis che interese…