CINCO GALEGOS EN YOKOHAMA

11 de Maio de 2018

Cinco galegos participarán esta fin de semana en Yokohama. Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo), Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) e Inés Santiago (Triatlon Ferrol) competirán na terceira proba das Series Mundiais de Tríatlon 2018. Ademais, Susana Rodríguez (Mar de Vigo) disputará a primeira proba das Series Mundiais de Paratríatlon, na categoría PTVI (para deportistas con discapacidade visual).

A proba das Series Mundiais de Xapón desenvolverase na distancia olímpica, é dicir, 1,5 quilómetros de natación dende o embarcadoiro de Osanbashi. Despois realizarán 40 quilómetros de bicicleta e finalizarán cunha carreira a pe de 10 quilómetros. Dos sete españois presentes, catro teñen licenza galega, o que da boa mostra do nivel do tríatlon galego. Fernando Alarza pretende seguir medrando, despois do sexto posto de Bermudas, mentres que Antonio Serrat disputará a primeira Serie Mundial da presente tempada co obxectivo de puntuar. En 2017, Alarza foi segundo en Yokohama.

O vigués explicou que será unha proba de moitísimo nival: “Irá moi rápido dende a natación, despois un circuíto de bicicleta moi técnico e plano, que non parará en ningún momento e remataremos coa carreira a pe, que tamén será moi rápida. Eu chego en un bo momento de forma e esperemos que o sábado teñamos boas sensacións en carreira e disputala ao máximo”. Os nosos deportistas están en Yokohama dende o martes, tentando aclimatarse, xa que a diferenza horario é moi importante (sete horas menos en España).

Na proba feminina tamén contaremos con dúas representantes, que debutan en Serie Mundial desta tempada. A clave estará en non quedar moi atrás na natación, porque iso suporá un esforzo extra para remontar e pode ser decisivo no último segmento. Tanto Camila Alonso coma Inés Santiago chegan nun bo momento e con gañas de sumar puntos para o ranking mundial.

As Series Mundiais de Tríatlon 2018 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Bermuda, Yokohama, Nottingham, Leeds, Hamburgo, Edmonton, Montreal e Gold Coast (gran final). A primeira proba celebrouse a comezos de marzo coa vitoria de Henri Schoeman. Na segunda, o vencedor foi o noruego Casper Storner e Alarza foi sexto clasificado. Este ano, as probas do Mundial están a ser moito máis abertas e sen un dominador claro, como en outras edicións.

Paratríatlon. Ademais, Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) disputará a primeira Serie Mundial de Paratriatlon da presente tempada. A galega só competiu a semana pasada na Copa do Mundo de Águilas e venceu con enorme superioridade.

A proba de Yokohama será moito máis complicada, con rivais máis duras coma a xaponesa Atsuko Maruo ou a estadounidense Elisabeth Barker. As distancias nesta proba (que se celebrará na madrugada do venres para o sábado, en España) son de 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe.

Susana competirá xunto á súa nova guía Paula García Godino, coa que as sensacións en Águilas foron moi boas. O pasado ano, nesta mesma proba, Susana acadou a medalla de prata.

 

Quizáis che interese…