CRISTÓBAL RODRÍGUEZ, NOVENO NA COPA DO MUNDO DE PENTATLÓN DE BUDAPEST

2 de Febreiro de 2014

 O galego Cristóbal Rodríguez Fidalgo (Terras de Lugo) logrou esta fin de semana o seu mellor resultado a nivel internacional, ao conseguir a novena posición na Copa do Mundo de Pentatlón Moderno de Budapest. Ademais do espectacular rendemento do galego, hai que destacar a impresionante segunda posición da española Marta García-Miguel.

Cristóbal chegaba á segunda xornada da Copa do Mundo de Budapest nunha excepcional cuarta posición tras realizar as probas de natación e equitación. Quedaban por diante, esgrima e combinada, e á dúbida era saber cal sería o rendemento do galego en combinada (carreira e tiro), xa que enfrontaba a proba despois de quince días sen adestrar carreira por culpa dunha periostitis nun pe. Así, rematou a esgrima na quinta posición da xeral (foi o noveno mellor de todos os participantes nesta especialidade) e enfrontou o seu reto persoal. Aquí perdeu posicións, o esperado, pero aínda así puido entrar no top-ten con esa novena posición e acadar o seu mellor resultado internacional con 1.443 puntos. O gañador da proba foi Robert Kasza (Hungría) con 1.528 puntos, que no 2013 lograra a medalla de prata no Campionato de Europa sénior.

Hai que destacar o excepcional resultado de Marta García-Miguel que acadou a segunda posición por detrás de Sarolta Kovacs (Hungría) e só por dous puntos de diferenza (1361 para a húngara, fronte aos 1359 da española). Este foi non só o mellor resultado internacional de Marta na súa carreira deportiva, senón o mellor dunha española. Marta rematara a primeira xornada na oitava posición e no día de hoxe fixo unha competición case perfecta.

 

 

Quizáis che interese…