ENORME VITORIA DE JAVIER GÓMEZ NOYA NA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE ESTOCOLMO

23 de Agosto de 2015

Javier Gómez Noya acadou hoxe un triunfo incontestable e enorme na oitava proba das Series Mundiais do 2015, que se disputou en Estocolmo. Con esta vitoria aumentan as posibilidades de lograr o quinto título mundial do galego. Ademais, hai que destacar a décima posición de Fernando Alarza, que tivo que remontar despois dunha mala natación.

 

A auga comezou coa novidade da ausencia do auténtico especialista neste sector: Richard Varga. Ademais a temperatura da auga (20,1 grados) obrigaba a saír sen neopreno. A natación estivo bastante igualada e sen Javi entre os primeiros clasificados. O sudafricano  Schoeman liderou a proba case dende o inicio, con Godoy moi preto, mentres que Javi perdía algúns segundos. Ao remate da natación, primeira posición para Schoeman, mentres que Godoy era cuarto clasificado e Javi Gómez Noya saía da auga na 18ª posición a 17 segundos. Como ven sendo habitual Mario Mola, que se presenta coma o principal rival do ferrolán na loita polo título mundial xunto a Luis Vincent, perdía algúns segundos máis (a 38 do líder), mentres que Alarza –que tivo problemas co mono e veuse obrigado a parar parar axustalo- aínda estaba máis atrás (a 47 segundos).

 

O galego sabía o importante que sería conectar cos primeiros clasificados á saída da transición e formar un grupo cabeceiro importante. Así, traballou arreo para pillar aos primeiros e logrouno cando se cumpría a primeira volta e se formaba un grupo moi compacto de 25 deportistas con nomes tan importantes coma Schoeman, Joao Pereira, Zaferes, Vicente Hernández Godoy, Royle, Aurelien o Vasiliev.

 

Volta a volta, Javi foi adquirindo protagonismo no grupo ao comprobar que ían crecendo as distancias con Mario Mola, polo que non dubidou en tirar para aumentar as diferenzas. Volta a volta ían caendo segundos, ata superar o minuto de vantaxe sobre o grupo de Mario Mola e Fernando Alarza.

 

Neste intre, Javi Gómez Noya tiña claro que loitaría polo triunfo con algún dos deportistas deste grupo, a pesar das habituais remontadas de Mario Mola na carreira a pe, a súa especialidade. Así, na saída da segunda transición Javi Gómez Noya era segundo por detrás de Zaferes, mentres que Mario Mola e Fernando Alarza chegaban no segundo grupo a 1:20 segundos.

 

Moi pronto as primeiras posicións quedaron definidas. Javi Gómez Noya, Joao Pereira e Aaron Royle lograron abrir distancias sobre os seus compañeiros de escapada e tan pronto cumpriron a primeira volta, o catro veces campión do mundo decidiu que non esperaba máis e forzou o ritmo, deixando cravados aos seus compañeiros de cabeza. Quedaban uns 7 quilómetros por diante, pero Javi non o dubidou e enfrontou o resto da proba en soidade e amosando unha gran superioridade.  Por detrás, Mario Mola e Fernando Alarza eran os máis fortes (detrás de Javi), o que lles permitiu recortar posicións. Os tres mellores parciais na carreira a pe foron para Gómez Noya, Fernando Alarza e Mario Mola.

 

Así, o triunfo foi para Gómez Noya (01:49:33), mentres que segundo foi o portugués Joao Pereira (01:50:18) e o bronce foi para Aaron Royle (01:50:18). Fernando Alarza logrou entrar no top-ten (foi décimo, cun tempo de 01:51:17), mentres que Mario Mola foi 12º (01:51:19).

 

As Series Mundiais contan este ano con dez probas: Abu Dhabi, Auckland, Gold Coast, Cidade do Cabo, Yokohama, Londres, Hamburgo, Stockholm e Edmonton e Chicago (a gran final). Para a clasificación mundial os deportistas suman os cinco mellores resultados sendo obrigatorio participar na Gran Final, que ten unha puntuación moito máis alta.

 

Despois da disputa das oito primeiras probas do Mundial, Javi Gómez Noya continúa como líder provisional, con 3.820 puntos, e aínda máis distancia sobre os perseguidores que non sumaron puntos. O segundo clasificado é Mario Mola (3.374) e terceiro, Fernando Alarza (2.961), mentres que o francés Luis Vincent, que só disputou catro carreiras (un triunfo, un segundo posto e dous bronces), actualmente é o cuarto clasificado do Mundial.

www_triathlon_org_results_result_2015_itu_world_triathlon_st

Quizáis che interese…