ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE EN POIO A FINAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA DO DÚATLON ESCOLAR

Fegatri 20/04/2017
ESTA FIN DE SEMANA CELEBRARASE EN POIO A FINAL PROVINCIAL DE PONTEVEDRA DO DÚATLON ESCOLAR
Presentación da fase provincial do Dúatlon Escolar de Poio.

 O sábado 22 de abril celebrarase en Poio a final provincial de Pontevedra do programa “Xogade” de Dúatlon Escolar 2017 coa participación de 120 deportistas, que buscarán o pase para o Galego. Ademais, tamén se disputará o I Dúatlon Prebenxamín.

A final provincial de Pontevedra (a partir das 16:00 horas) celebrarase en Poio coa participación de case 120 deportistas (34 benxamíns, 35 alevíns, 24 infantís e 26 cadetes). A saída, transición e meta estarán situadas nos arredores do Pavillón Municipal de A Seca.

As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil,1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.

O programa de Dúatlon Escolar consta de cinco probas locais ou zonais (Fene, Mondoñedo, Lugo, Santiago e Maceda) nas que se clasificaron para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon.