FERNANDO ALARZA, BRONCE NA SERIE MUNDIAL DE GOLD COAST

Fegatri 08/04/2017
FERNANDO ALARZA, BRONCE NA SERIE MUNDIAL DE  GOLD COAST

Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) logrou a medalla de bronce na segunda proba das Series Mundiais 2017, que se celebrou en Gold Coast (Australia). O triunfo foi para o mallorquino Mario Mola, mentres que Javi Gómez Noya foi cuarto.

No primeiro segmento, os 750 metros de natación, non houbo boas noticias para Alarza. O deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, con licenza galega, saíu un pouco retrasado da auga, perdendo case trinta segundos con respecto ao líder, o sudafricano Schoeman. Así, na bicicleta de inicio houbo algúns cortes, formándose un grupo de cinco triatletas entre os que se atopaba Gómez Noya, que saíu na cuarta posición da auga. Os cinco deportistas (Schoeman, Kanute, Gómez, Thorpe e Reid) tentaron abrir distancia na bicicleta, pero por detrás o grupo principal, con Alarza ao fronte, traballou arreo para pillalos canto antes nun día con moito vento en Gold Coast. Así, cando estaba a piques de cubrirse os dez primeiros quilómetros, os perseguidores alcanzaron aos cinco escapados e formouse un grupo cabeceiro duns 30 triatletas.

Con todos os favoritos neste grupo, houbo un certo relax, feito que aproveitou o australiano Ryan Fisher para marchar en solitario cara a T-2, á que chegou con case vinte segundos sobre o grupo.

Pero estaba claro que a vitoria sería cousa de catro. Alarza foi o primeiro en saír tras Fisher da T-2 e en menos dun quilómetro deron conta del. Os favoritos enseguida mostraron as súas credenciais e no quilómetro 2, xa estaban destacados Mario Mola, Fernando Alarza, Gómez Noya e Richard Murray. O triunfo era cousa destes catro deportistas, pero Mola era o que marcaba o ritmo, sen temor a pagalo nun posible sprint. Con ese ritmo altísimo, Alarza e Gómez Noya perden algúns metros e só Richard Murray é capaz de seguir ás costas de Mola. Pero non houbo opción ao sprint. A falta duns 300 metros, o mallorquino incrementou o ritmo e Murray quedou sen resposta, mentres que por detrás Alarza mostra que aínda tiña forzas e ataca a Javi para conseguir a medalla de bronce.

Desta forma, o podio quedou formado por Mario Mola (52:35), Richard Murray (52:39) foi segundo e Alarza (52:44), bronce. Tras estes resultados, Javi Gómez Noya -que foi cuarto hoxe- segue na primeira posición da clasificación provisional do Mundial con 1.433 puntos, mentres que Fernando Alarza é terceiro (1.318).

As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputan en Abu Dhabi, Gold Coast (Australia), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia), e Rotterdam (Países Baixos).