FERNANDO ALARZA, CUARTO NA PRIMEIRA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS DE ABU DHABI, NA QUE VENCEU GÓMEZ NOYA

4 de Marzo de 2017

Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) acadou, tras unha espectacular remontada na carreira a pe, a cuarta posición na primeira proba das Series Mundiais de Abu Dhabi, na que se impuxo un excepcional Javi Gómez Noya, que volveu á competición da mellor forma posible.

Nos 1.500 metros da natación, nos que houbo moitos golpes, as cousas non se lle puxeron sinxelas para Fernando Alarza que quedou un pouco descolgado, chegando á primeira transición a 41 segundos do líder, o francés Raphael Aurelien. Gómez Noya só perdía uns segundos (11) e enseguida enlazou cos homes que ían por diante, mentres que a Alarza e o actual campión do mundo, Mario Mola, parecían obrigados a traballar xuntos nos 40 quilómetros de ciclismo para intentar recortar distancias.

Pero en cabeza formouse un grupo de dez triatletas (Gomez Noya, Polyanskiy, Henri Schoeman, Vincent Luis, Thomas Bishop, Andrea Salvisberg, Marco Van Der Stel, Ben Kanute, Leo Bergere, and Greg BIlllington) que logrou incrementar a distancia e así chegaron á T2 con máis dun minuto de distancia sobre Mola ou Alarza.

Parecía que o triunfo estaría entre os dez que ían en cabeza, cun Gómez Noya moi forte e inspirado, que non quería deixar a oportunidade de vencer en Abu Dhabi. Así, dende o principio da carreira a pe, logrou poñerse en cabeza xunto a Bishop. Por detrás, un incombustible Alarza ía recortando distancias quilómetro a quilómetro, mentres que cada vez estaba máis claro que o triunfo se ía decidir entre Gómez Noya e Bishop. A falta de 3 quilómetros, o ferrolán atacou e logrou soltarse do británico para entrar en meta en solitario cun tempo final de 01:52:31. A segunda posición foi para Bishop (01:52:45) e o bronce para Vincent Luis (01:53:08). A cuarta posición foi para o deportista do Grupo de Alto Rendemento do CGTD, Fernando Alarza, que fixo unha remontada espectacular ao lograr o mellor tempo de todos os participantes no último segmento (31:03). Alarza quedou a só dez segundos do bronce, mentres que Mario Mola rematou na oitava posición.

As Series Mundiais de Tríatlon 2017 están formadas por nove probas que se disputarán en Abu Dhabi, Costa Dourada (Australia), Yokohama (O Xapón), Leeds (Gran Bretaña), Hamburgo (Alemaña), Edmonton (Canadá), Montreal (Canadá), Estocolmo (Suecia), e Rotterdam (Países Baixos).

www_triathlon_org_results_result_2017_itu_world_triathlon_ab

Quizáis che interese…