GALICIA, MOI BEN REPRESENTADA NO MUNDIAL DE GOLD COAST

13 de Setembro de 2018

O tríatlon galego estará moi ben representado esta fin de semana en Gold Coast (Australia), na gran cita da tempada coa disputa dos mundiais júnior, sub 23 e paratríatlon e a Gran Final das Series Mundiais, na que se decidirá tamén o campión do mundo elite de tríatlon 2018.

O calendario das probas para os nosos representantes comeza o venres 14 coa disputa do Mundial sub 23, coa participación de Antonio Serrat  (Tri-Penta Terras de Lugo) na proba masculina e de Sara Guerrero (Náutico de Narón) na feminina.

Serrat, que chega nun bo momento despois de superar varios incidentes durante a tempada, pensa que será unha proba moi rápida; “xa que o nivel que ten é moi alto, porque entre os participantes hai xente que está competindo a nivel mundial e con bos resultados”. O vigués, que xa leva dúas semanas aclimatándose e adestrando en Gold Coast, sabe que ten que estar moi atento en todos os segmentos, porque hai grandes especialistas en todos os segmentos, polo que ten que evitar quedar cortado. “As sensacións que teño son boas, pero supoño que os rivais tamén estarán ben”, o que ten claro é que “quero acabar contento co meu traballo, sabendo que o din todo”. Serrat sae co dorsal 3. A proba comezará ás 12:45 hora australiana (4:45 en Galicia).

Pola súa banda, Sara Guerrero disputará a proba feminina ás 10:00 horas (2:00 da madrugada, aquí), que se estreará no seu primeiro Mundial sub 23.  Sara participou hai dez días no Campionato de España de Tríatlon na Coruña, e non tivo as mellores sensacións, pero agora só pensa no Mundial e en disfrutalo ao máximo. Nesta categoría, as distancias son as mesmas que os sénior (1.500 metros de natación, 38 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe).

Nesta categoría sub 23 tamén se celebrará a proba de relevos mixtos (o domingo) e na convocatoria inicial figura Serrat, aínda que podería haber cambios.

O sábado 15 (6:45, hora australiana e 22:45 do venres en Galicia) a competición comezará co Mundial de Paratríatlon, no que contaremos con Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) na categoría PTVI, para deportistas con discapacidades visuais. A viguesa competirá xunto a súa guía Paula García Godino e tentará loitar polas medallas, aínda que non será unha tarefa sinxela. Xunto a ela no pontón de saída estarán a australiana Katie Kelly  (ouro olímpico) ou  a británica Alison Patrick

Ademais na proba de paratríatlon teremos a outro galego. Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo), que actuará como guía do deportista valenciano Héctor Catalá. As distancias en paratríatlon son de 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e rematan con 5 quilómetros de carreira a pe.

O sábado (11:30 horas) tamén se celebrará a proba júnior feminina con Iria Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), que tamén enfronta o seu primeiro mundial. A galega non chega no seu mellor momento de forma, pero ten moi claro que vai a loitar por todo. As distancias serán de 750 metros de natación, 19 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pe. Neste día tamén se disputarán as probas júnior masculina e elite feminina.

O domingo disputarase a Gran Final masculina das Series Mundial de Tríatlon 2018, co título mundial en xogo O gran favorito é Mario Mola, campión do 2016 e 2017 e líder provisional este ano, con moitos puntos de vantaxe sobre os seus rivais. Mario -con catro vitorias nas anteriores probas- depende de si mesmo e un 16º posto sería suficiente para confirmar o seu terceiro título mundial de forma consecutiva.Os seus rivais son o australiano Jacob Birtwhistle, o francés Vicent Luis e o sudafricano Richard Murray (xa con opcións mínimas).

Ademais desta loita polo título, tamén hai que destacar a presenza de Uxío Abuín (subcampión de Europa Sprint), que buscará sumar puntos ITU, e de Fernando Alarza, que tentará subir ao podio en Gold Coast e, por outro lado, quedar entre os cinco primeiros do Mundial.

 

Quizáis che interese…