Gómez Noya da o pistoletazo de saída ao I Triatlón Concello de Porriño

23 de Maio de 2013

O triatleta galego Javier Gómez Noya, campión do mundo e de Europa, asistiu esta mañá en Porriño, á presentación do I Triatlón Concello de Porriño Tui-Porriño xunto ao alcalde Nelson Santos; o presidente da Federación Galega de Triatlón, Francisco Villanueva; o concelleiro de Deportes do Concello de Porriño, M. Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Deportes do Concello de Tui, Nicolás Lorenzo.

290 participantes tomarán a saída a tarde deste sábado, 25 de maio, no río Miño. O concelleiro de Deportes do Porriño daba a coñecer a cifra de inscritos tras pecharse onte mesmo o prazo para as catro categorías: cadete, júnior, absoluta e veteranos, para as cales haberá primeiro, segundo e terceiro premio, ademais do trofeo local, masculino e feminino. Santos cualificou este I triatlón como “un dos grandes obxectivos de Porriño como Concello del Deporte, reto que culminará este sábado,”. Alcalde e concelleiro agradeceron a colaboración dos clubs de atletismo e ciclismo de Porriño, do Concello de Tui “pois sen el non sería posible xa que o traxecto a nado realízase en augas do Miño”, a todas as entidades colaboradoras e patrocinadores, así como tamén ás 150 persoas voluntarias que velarán para que todo se desenvolva segundo o previsto.

Porriño_triatlón_presentación_GómezNoya (5)Nicolás Lorenzo e Francisco Villanueva coincidiron en destacar “o gran labor que dende o Concello de Porriño se está a facer por promover todo o deporte. A experiencia na organización de eventos deportivos asegura o éxito desta primeira edición do triatlón Porriño-Tui”. Unha proba popular “que pode que se consolide e entre como circuíto oficial no calendario da Federación Galega de Triatlón”, subliñou Villanueva que cualificou de “importante” a cifra de inscritos para ser esta a primeira edición.

Gómez Noya, estrela invitada Integrantes de clubs deportivos, estudantes e cidadáns en xeral aproveitaron a visita de Javier Gómez Noya esta mañá a Porriño para fotografarse con el e pedirlle un autógrafo. O triatleta galego aplaudiu esta iniciativa do Concello de Porriño e mostrou moita satisfacción ao ver “como este deporte está a crecer, celebrándose competicións, cada vez máis, nos diferentes municipios” e desexa “que a súa práctica perdure no tempo”. O alcalde pola súa banda gabou o “espírito loitador” deste tricampión do mundo; “o mellor dos exemplos de sacrificio e tenacidade; o espello no que calquera deportista querería verse”.

Percorrido A proba dará comezo ás 17.00 horas coa saída situada en Tui, onde se efectuarán 750 metros a nado, a continuación dará comezo a carreira ciclista de 20 quilómetros de percorrido pasando por Ribadelouro, Mosende, Pontellas, Torneiros, Velódromo municipal e con fin na rúa Domingo Bo, onde haberá a transacción para empezar coa carreira a pé, dun total de 5 quilómetros, que transcorrerá por diferentes rúas do centro urbano. Pola mañá, a partir das 12.30 horas, celebrarase un mini triatlón no que poderán participar nenos de entre 6 e 10 anos acompañados sempre dun adulto. “Ambos os dous terán que nadar 25 metros na piscina municipal, a continuación percorrer en bicicleta 700 metros e, finalmente, correr a pé 300 metros”, explica M. Alejandro Lorenzo, concelleiro de Deportes. A inscrición é gratuíta e pode realizarse ata mañá xoves, nas dependencias da piscina municipal ou cubrindo un formulario online na páxina web habilitada para a proba http://www.porrinodeporte.com/triatlon/.

Quizáis che interese…