GÓMEZ NOYA E FERNANDO ALARZA, NA SEGUNDA PROBA DAS SERIES MUNDIAIS QUE SE CELEBRA EN AUCKLAND

27 de Marzo de 2015

Os galegos Javier Gómez Noya e Fernando Alarza participarán na segunda proba das  Series Mundiais 2015, que se celebrará esta fin de semana en Auckland (Nova Zelandia). A proba comezará ás 4:40 horas do 29 de marzo en Nova Zelandia (en Galicia, 12 horas menos).

Javi chega a esta proba con ansias. Non puido estar ao seu nivel na primeira proba celebrada en Abu Dhabi (foi sexto) por culpa dunha lesión muscular, e confía en poder celebrar o seu cumpreanos (foi o 25 de marzo) cun triunfo. A lesión está superada, pero non será sinxelo. En Auckland estarán os mellores. Mario Mola (vencedor da primeira proba) é un dos favoritos para loitar polos primeiros postos xunto a Javi, Jonathan Brownlee o Joao Silva. E sen esquecer a Fernando Alarza, deportista do Centro de Alto Rendemento do CGTD, que en Abu Dhabi foi sétimo facendo un traballo espectacular.

A principal diferenza coa primeira proba das Series Mundiais está na distancia. En Auckland os deportistas competirán sobre a distancia olímpica, na que Gómez Noya está máis cómodo. Así, os deportistas deberán nada 1.500 metros, facer 40 quilómetros de bicicleta nun circuíto moi duro e rematarán con 10 quilómetros de carreira a pe.

Ademais Auckland é unha cita máxica para Gómez Noya. No 2014 logrou a quinta vitoria nesta cidade de Nova Zelandia, por diante de Jonathan Brownlee.

Quizáis che interese…