INÉS CASTAÑO, CAMPIOA DE ESPAÑA DE DÚATLON JÚNIOR

2 de Abril de 2017

 Inés Castaño (Arcade Inforhouse) proclamouse hoxe en La Vall d’Uixó (Castellón) campioa de España de Dúatlon na categoría júnior. Foi o mellor resultado das e dos nosos deportistas, nos que tamén podemos destacar a sétima posición de Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol) en júnior masculina. Ademais, gran traballo da venezolana afincada en Pontevedra (con licenza galega) Joselyn Brea, que acadou o triunfo na proba, mentres que a súa irmá Edymar foi sétima.

Na categoría júnior feminina, Inés Castaño (Arcade Inforhouse) deu a gran alegría ao tríatlon galego, ao lograr o título de campioa de España nunha proba espectacular da galega. Os circuítos eran moi esixentes, principalmente o de carreira a pe, que tiña uns repechos duros que ían facendo selección entre as deportistas. Así á T-1 chegou un grupo principal de 6 triatletas entre as que se atopaban Inés, Sharon García (Do Cidade de Lugo Fluvial), María Rico ou Tania Álvarez. Na bicicleta, Sharon García tentou romper a proba e logrou escaparse en solitario para chegar á segunda transición cuns 10 segundos de vantaxe. Pero Inés tiña aínda moito que dicir. Saíu a primeira tras Sharon e pouco a pouco foi recortando distancias á deportista do Cidade para na última volta logra superala e acadar así o título de campioa de España cun tempo de 01:07:23.

A xornada do domingo comezou coa proba júnior masculina, na que Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol) e Iván Puentes (ambos do Tríatlon Ferrol) estiveron loitando polas primeiras posicións. No primeiro tramo de carreira a pe  tanto Marcos coma Iván ían no segundo grupo a escasos segundos de grupo de cabeza. Marcos Ruiz fixo un espectacular segmento de bicicleta e chegou á T2 con escasos segundos de desvantaxe sobre o grupo cabeceiro, o que lle permitiu chegar nesa sétima posición á liña de meta cun tempo final de 57:43. Ademais, César Otero (Olímpico de Vedra) fixo un gran traballo para rematar na 14ª posición, Pola súa banda, Iván Puentes tivo problemas no último sector e perdeu varios postos ata chegar na 20ª posición (58:48).

 Elite feminina. A proba de elite feminina foi un calco da júnior, cun segmento de carreira a pe moi selectivo. Sonia Bejarano intentou romper a carreira nestes primeiros 5.000 metros, pero por detrás un grupo de 6 triatletas (as irmás Brea, Sara Bonilla, María Varo, Noelia Juan e Carolina Sitges) non lle permitían ampliar distancias de forma significativa. Na bicicleta, xuntáronse as sete e así chegaron á segunda transición. Todo íase decidir na carreira a pe e aí foi onde Joselyn amosou a súa forza e foise decidida a pola vitoria, mentres que a súa irmá Edymar tivo problemas de falto e non puido loitar polo triunfo. Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) foi a primeira en atravesar a liña de meta cun tempo de 01:03:34, mentres que segunda (e campioa de España) foi Sara Bonilla (01:03:47). Pola súa banda, Edymar Brea rematou na sétima posición cun tempo de 01:04:16 e Carla Castaño (Arcade Inforhouse) foi 24ª (01:08:29).

Na categoría masculina non houbo resultados para os nosos deportistas. As distancias, en elite igual que en júnior, foron de 5 quilómetros de carreira a pe, 22 de bicicleta e 2,5 de carreira a pe.

Cadete. Nerea García (Náutico de Narón) e Esteban Basanta (Cidade de Lugo Fluvial) foron os galegos mellor situados no Campionato de España de Dúatlon da categoría cadete, que se disputou hoxe en Val d´Uixó. Nerea ocupou a décima posición na categoría feminina, mentres que Esteban foi undécimo na masculina.

Foron probas moi complicadas pola altísima participación o que provocou bastantes caídas. Na categoría masculina había 274 deportistas e ademais da undécima posición de Basanta, hai que destacar a vixésima de Jorge González (Natación Riveira) e a 25ª de Arturo Ramos (Talleres David Tríatlon Compostela), que tiveron ademais un gran mérito engadido, porque ambos estiveron envoltos nunha caída.

Na categoría feminina, ademais de Nerea, Andrea Trigo (Náutico de Narón) logrou entrar entre os 25 mellores, ao ocupar a a 22ª posición. As probas cadete celebraranse sobre as distancias de 2,5 quilómetros de carreira a pe, 10 quilómetros de bicicleta e 1.250 metros de carreira a pe.

 

Falta os resultados de clubs. A Federación Española inda non os fixo oficiais.

Quizáis che interese…