INÉS SANTIAGO DISPUTARÁ O 26 DE XUÑO O CAMPIONATO DE EUROPA DE TRÍATLON SPRINT EN FRANCIA

24 de Xuño de 2016

Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) disputará o domingo 26 de xuño o Campionato de Europa de Tríatlon distancia sprint, que se disputa en Chateauroux (Francia). O sábado celebrarase o Europeo de Acuatlón pero sen presenza galega.

Así teremos que esperar ata o domingo ás 13:00 horas para ver en acción a nosa deportista na proba de elite feminina. Inés ven de rematar cuarta no Europeo júnior que se disputou en Lisboa, onde acadou a clasificación para o Mundial da categoría. Antes, no Campionato de España Júnior, logrou a prata, a pesar dunha caída na bicicleta cando lideraba a proba con comodidade.

A Federación Española de Tríatlon decidiu apostar polos deportistas máis novos para esta proba, xa que os deportistas clasificados para Río teñen a súa preparación física centrada en chegar aos Xogos nas mellores condicións. Por iso, será o momento de ver en acción aos deportistas da seguinte xeración, que están a render a un altísimo nivel.

Ao ser o Europeo Sprint, as distancias serán de 750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe.

Quizáis che interese…