JOSELYN BREA E ANTONIO SERRAT GAÑAN O TRÍATLON DO MIÑO

16 de Xullo de 2017

Joselyn Brea e Antonio Serrat (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe vencedores do XXIX Tríatlon do Miño, segunda proba do Circuíto Galego e clasificatoria para o Campionato Galego.

O Tríatlon do Miño disputouse sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 19,5 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída, transición e meta  na área creativa Los Robles. Na proba feminina a cadete Lorena Díaz (Natación Coruña) logrou o mellor parcial na natación e cunha importante distancia sobre o resto (tiña máis de corenta segundos sobre a segunda clasificada). Pero parecía claro que as favoritas ían aparecer a medida que avanzase a proba e así foi. Joselyn Brea logrou o triunfo (1:09:11), tras deixar atrás a Sharon Belén García (Cidade de Lugo Fluvial) na última volta da carreira a pe. A triatleta do Cidade ocupou a segunda posición a 16 segundos, mentres que Esther Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) logrou o terceiro chanzo no podio (1:09:42). A pequena das Brea, Edymar, rematou na cuarta posición, despois de facer unha grande remontada, xa que foi a máis rápida no segundo e terceiro segmento.

Na categoría masculina, Antonio Serrat confirmou a súa categoría de actor principal. Saíu da auga na segunda posición, por detrás de Carlos Brión (Natación Riveira), e na bicicleta xa pasou a liderar a proba, situación que non abandonou ata chegar a meta en solitario e cunha enorme superioridade (59:55). O segundo posto foi para Iago Lorenzo (Tri-Penta Terras de Lugo), que foi de menos a máis para alcanzar o podio despois dun magnífico segmento de carreira a pe. O terceiro posto foi para Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 1:01:20.

Os vencedores noutras categorías foron:

  • Cadete: Delfina Orlandini (Tríatlon Arteixo) e Juan Santiago (Tríatlon Arteixo).
  • Júnior: Sharon Belen García (Cidade de Lugo Fluvial) e Marcos Ruíz (Tríatlon Ferrol).
  • Sub 23: Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo).
  • Veterán 1: Aída García (Olímpico de Vedra) e Ramón López (Tríatlon Muralla de Lugo).
  • Veterán 2: Laura López (Tri Ourense) e Federico Scarabino (Tríatlon Arteixo).
  • Clubs: Cidade de Lugo Fluvial (feminino) e Tríatlon Ferrol (masculino).

TRIDELMIÑO 2017

Quizáis che interese…