LUISMI VELÁSQUEZ E SONIA PARIENTE, GAÑADORES DO III TRÍATLON BOAMORTE EN SANXENXO

LUISMI VELÁSQUEZ E SONIA PARIENTE, GAÑADORES DO III TRÍATLON BOAMORTE EN SANXENXO

16/09/2018
LUISMI VELÁSQUEZ E SONIA PARIENTE, GAÑADORES DO III TRÍATLON BOAMORTE EN SANXENXO
Podio absoluto masculino e feminino.

Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) e Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas) proclamáronse hoxe vencedores da terceira edición do Tríatlon Boamorte de Sanxenxo, no que participaron 150 triatletas.

Na proba feminina, dominio absoluto de Sonia Pariente case dende o inicio. Foi a segunda ao saír da auga a escasos segundos da primeira  (Marta Barbeiro, que despois abandonou) e na bicicleta marcou un magnífico ritmo, que lle permitiu escaparse en solitario ata chegar á liña de meta na primeira posición 2:12:58. A segunda posición foi para a súa compañeira de club, Aída García, que perdeu moito tempo na natación, aínda que estivo espectacular no ciclismo e na carreira a pe (2:17:00). María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial), que foi a vencedora desta proba o pasado ano, ocupou a terceira posición cun tempo de 2:18:45.

Na categoría masculina, vitoria de Luismi Velásquez que, igual que sucedera na proba feminina, foi en cabeza dende a natación, na que marcou o mellor tempo. Velásquez consolidou a vantaxe na bicicleta, facendo un moi bo parcial e na carreira a pe, aínda que baixou o ritmo, foi suficiente para vencer cun tempo de 1:52:32. A segunda posición foi para Diego Paz (Arcade Inforhouse), que foi de menos a máis, cun impresionante segmento de carreira a pe, que lle deu un pouco de emoción nos metros finais, pero non puido superar a Velásquez (1:52:37). O terceiro posto no podio foi ocupado por Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo) cun tempo de 1:53:51. O venezolano afincando en Galicia xa vencera nesta proba o pasado ano.

O Tríatlon Boamorte disputouse sobre a distancia olímpica  (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 de carreira a pe) sen drafting (está prohibido ir a roda doutro corredor ou ir en pelotón durante o ciclismo). A saída realizouse dende a Praia do Baltar.

No documento adxunto tedes todas as clasificacións.

TRIBOAMORTE 2018