MARCOS MAYO E MARÍA JESÚS COYA, GAÑADORES DO IX DUATLÓN CROSS CONCELLO DE POIO

22 de Febreiro de 2015

Marcos Mayo (Tríatlon O Treito) e María Jesús Coya (Gv Sports Club) proclamáronse vencedores do IX Duatlón Cross Concello de Poio, última proba do Circuíto Galego de Duatlón Cross no que participaron case cen deportistas.

Marcos Mayo figuraba entre os favoritos para facerse co triunfo e cumpriu co previsto. Comandou a proba dende o primeiro segmento e foi quen de manterse en cabeza ata o final, administrando a vantaxe que tiña. Por detrás, Darío Otero (Team Corbelo) que rematou na quinta posición a carreira a pe, logrou remontar varios postos na bicicleta (foi o mellor) e quedou só por detrás de Mayo. Na terceira posición chegou David Landeira (independente) que fixo unha proba moi regular, estando sempre entre os primeiros postos.

Desta forma, o podio estivo formado por Marcos Mayo (O Treito) cun tempo de 1:29:10, na segunda posición Darío Otero (Team Corbelo) cun tempo de 1:29:37, e o terceiro posto foi para David Landeira (1:33:43).

IMG-20150222-WA0018Na categoría feminina houbo unha escasa participación e unha clara dominadora na proba: María Jesús Coya (Gv Sports Clubs). Coya foi moi superior ás súas rivais e chegou a meta cun tempo de 2:06:38. Na segunda posición, María Martínez (Atletismo Porriño) cun tempo de 2:10:16, mentres que a terceira clasificada foi Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 2:20:14.

O resto dos gañadores noutras categorías son:

  • Júnior masculino: Miguel Moldes (Team Corbelo).
  • Veterán 1: Orlando Rodríguez (Pinarium).
  • Clubs masculino: Tríatlon O Treito.

Os participantes tiveron que correr 6 quilómetros, facer 19,5 quilómetros en bicicleta de montaña e remataron con 3 quilómetros a pe. A saída, meta e transicións estaban situadas no campo de fútbol de Samieira e os circuítos descorreron por pistas forestais e sendeiros bastante técnicos.

O Circuíto Galego de Duatlón Cross 2015 está formado por tres probas: Beariz, Maside e Samieira, con clasificación xeral individual (masculina e feminina), júnior (m/f), veterán (m/f) e clubs (m/f) en cada unha das probas e tamén no circuíto. Na proba de Beariz resultaron vencedores Marcos Mayo e Ana Varela, mentres que en Maside gañaron  Brais Misa (Atletismo Porriño) e María Martínez (licenza dun día).

 

 

 

 

Quizáis che interese…