Mario Mola, campión do mundo 2017 con Gómez Noya na segunda posición e Fernando Alarza, quinto

16 de Setembro de 2017

Espectáculo do bo. Iso foi o que vimos hoxe na Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 2017 en Rotterdam. Mario Mola, que hoxe foi bronce, logrou revalidar o título por segundo ano consecutivo, con Javi Gómez Noya coma subcampión e Fernando Alarza, na quinta posición da clasificación final. Uxío Abuín foi trixésimo, mentres que Iván Raña abandonou. No Mundial sub 23 feminino, Inés Santiago logrou entrar no top-20, ao acadar a 19ª posición, mentres que Camila Alonso foi 26ª.

A cita de Rotterdam decidiría o podio do Mundial de Tríatlon 2017, aínda que Mario Mola, líder provisional, partía como gran favorito. E dende o inicio o mallorquino estivo moi atento e sen dar opcións aos seus rivais. Fixo unha magnífica natación –normalmente o seu talón de Aquiles- e así estivo sempre moi ben situado e controlando a carreira. Na bicicleta, de inicio, o cinco veces campión do mundo Javi Gómez Noya ía no primeiro grupo, cuns segundos de vantaxe sobre o grupo de Mola. Pero a distancia foise recortando quilómetro a quilómetro. No quilómetro 10, só tiñan 15 segundos de vantaxe sobre o grupo de Javi e 20 sobre o de Alarza. No quilómetro 14 xa se formou un grupo único, duns 25 triatletas, con todos os favoritos (Mola, Gómez Noya, Alarza, Murray, Brownlee, Blummenfelt, Luis, Bishop, Pereira, Le Corre…) que ía a un ritmo durísimo e así chegaron á segunda transición.

Estaba claro que todo tiña que decidirse na carreira a pe, pero na transición xa se apreciaba o sufrimento de Alarza, que perdeu uns segundos decisivos. Mentres, adiante os que non dubidaban era Jonathan Brownlee, Javi Gómez Noya, Blummenfelt, Vincent Luis e Mario Mola, que marcaron un ritmo altísimo e imposible de seguir para os demais. Richard Murray, quedou un pouco descolgado e máis atrás, Alarza con Le Corre, buscaban remontar distancias. Pero os quilómetros ían caendo e o grupo de cabeza mantiña un ritmo infernal que facía complicado encher quinielas sobre o vencedor da proba, que non do Mundial, xa que parecía claro que Mola estaría entre os cinco primeiros.

Así houbo intentos sen éxito de case todos, ata que a falta de dous quilómetros o noruegués Blummenfelt atacou e só Luis foi quen de aguantarlle, para nos últimos douscentos metros impoñerse a súa punta de velocidade e vencer ao sprint. Por detrás, Mario Mola superou a Gómez Noya para subir ao podio nesta última xornada do Mundial e garantir o seu segundo Mundial. O ferrolán foi cuarto e logrou o subcampionato do mundo e Fernando Alarza chegou na 11ª posición, o que lle fixo rematar na quinta posición do Mundial.

Uxío Abuín, que regresaba a unha proba das Series Mundiais tres anos despois foi trixésimo, mentres que Iván Raña, non rematou a proba.

O Mundial sub 23 feminino desenvolveuse nunhas durísimas condicións meteorolóxicas, con chuvia e frío. Así, a natación xa foi decisiva. Inés Santiago saíu da auga a 33 segundos da líder da proba, última do primeiro grupo, pero Camila Alonso foi a 41ª, a 1:40 da primeira. No inicio da bicicleta, Camila sufriu polo frío e lle custou moito coller o ritmo, pero despois uniuse a un grupillo e foi mellorando e recuperando posicións. Mentres, Inés perdeu a roda deste primeiro grupo e caeu algúns postos na clasificación. Na carreira a pe o frío seguía facendo das súas e as galegas sufrían, pero a medida que ían pasando os quilómetros, ían mellorando os seus resultados, para finalmente acabar Inés, no seu primeiro Mundial da categoría sub 23, na 19ª posición cun tempo de 02:10:52, mentres que Camila Alonso foi 26ª (02:13:00).

Nesta categoría, as distancias son as mesmas que os elite (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de bicicleta e 10 quilómetros de carreira a pe).

 

 

Quizáis che interese…