NÁUTICO DE NARÓN E TRÍATLON BOIRO PROCLAMÁRONSE HOXE EN VEDRA CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON CONTRA O RELOXO POR EQUIPOS

NÁUTICO DE NARÓN E TRÍATLON BOIRO PROCLAMÁRONSE HOXE EN VEDRA CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON CONTRA O RELOXO POR EQUIPOS

09/03/2019
NÁUTICO DE NARÓN E TRÍATLON BOIRO PROCLAMÁRONSE HOXE EN VEDRA CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON CONTRA O RELOXO POR EQUIPOS

Náutico de Narón (feminino) e Tríatlon Boiro (masculino) proclamáronse hoxe en Vedra campións galegos de dúatlon contra o reloxo por equipos, no transcurso do Ocean Lava Galicia Dúatlon por equipos 2019. Foi unha xornada con magnífico ambiente, con case 600 participantes e cunhas condicións climatolóxicas perfectas para a práctica do deporte.

Na categoría feminina non houbo sorpresas e o Naútico de Narón revalidou o seu título por terceiro ano consecutivo. As rapazas do Narón fixeron un magnífico tramo de ciclismo que foi decisivo na vitoria final. Así, o Náutico de Narón logrou a primeira posición cun tempo de 1:14:23; mentres que segundo foi o Arcade Inforhouse (1:15:41) e o bronce para o Tríatlon Motobike Galaico Pontevedra (1:17:54).

Na categoría masculina, o título decidiuse por escasos segundos. O primeiro clasificado e por tanto campión galego foi o Tríatlon Boiro cun tempo de 58:54, mentres que segundo foi o Arcade Inforhouse de Santiago (58:57) e o bronce foi para o Tríatlon Compostela (59:21). Este ano, o Olímpico de Vedra non puido repetir título, e rematou a competición na sexta posición cun tempo final de 1:00:38.

A competición comezou coa participación da paratriatleta Susana Rodríguez Gacio, que xunto a súa guía Paula García Godino, fixo unha proba cara á tempada, que está a piques de comezar para a viguesa. Ademais tamén se celebraron unha proba open e outra de promoción. En total participaron máis de 100 equipos e case 600 participantes.

Nesta modalidade contra o reloxo, os equipos (formados por de 4 a 6 compoñentes) van saíndo de xeito escalonado cada minuto. Non está permitido o drafting (ir a roda doutro equipo) e o equipo ten que rodar agrupado. O tempo está marcado polo do cuarto integrante do equipo en meta, despois de completar un recorrido de 5 quilómetros a pe, 20 en bicicleta e 2,5 quilómetros a pe novamente.

VEDRA_CLAS