O 3 DE MARZO CELEBRARASE O XVI DÚATLON CIDADE DE SANTIAGO CON 210 INSCRITOS

1 de Marzo de 2018

O sábado 3 de marzo celebrarase o XVI Dúatlon Cidade de Santiago, segunda proba do circuíto Galego de Dúatlon 2018, no que están inscritos un total de 210 deportistas. Ademais, tamén se disputará o Dúatlon Popular (30 inscritos) e o Escolar Cidade de Santiago con case 240 inscritos.

Entre os inscritos no Dúatlon Cidade de Santiago masculino hai grandes deportistas coma Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) -vencedor do pasado ano e un dos triatletas galegos con máis proxección internacional-, Brais Canosa (Arcade Inforhouse) -gañador da primeira proba do circuito en Lugo-, Brais Misa (Atletismo Porriño), Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse) ou Martín Carrera (Natación Riveira).

Tamén haberá unha destacada participación feminina. As irmás Brea, Edymar e Joselyn, parte coma grandes favoritas, pero terán que superar a deportistas coma Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo), Penélope Martínez (Tríatlon Arteixo), Marta Barbeiro (Náutico de Narón) ou Emma Romeo (Tríatlon Ferrol). Edymar Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) foi a vencedora na edición do pasado ano.

O Cidade de Santiago terá varias saídas: A proba popular (con distancias máis curtas de 2,5 quilómetros de carreira, 13,2 de bicicleta e 1,250 de carreira) comezará ás 15:30 horas, a proba masculina sen curte darase ás 16:30 horas e despois celebrarase as saídas masculina (18:00) e feminina (18:10). A saída, transición e meta estarán instaladas xunto ao Estadio de San Lázaro e as distancias serán de 5 quilómetros de carreira a pe, 18,5 de bicicleta e 2,5 de carreira.

Campións 2017. Edymar Daniely Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse gañadores do XV Dúatlon Cidade de Santiago, no que participaron máis de 200 deportistas.

O Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2018 conta con 4 probas (Cidade de Lugo, Cidade de Santiago, Concello de Riveira e Cidade de Vigo), que son clasificatorias para o Campionato Galego, que se celebrará en Narón o 14 de abril. Clasificaranse en cada unha delas 22 deportistas segundo as condicións aprobadas no Regulamento de Competicións FEGATRI 2018. Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamáronse vencedores do XXVIII Dúatlon Cidade de Lugo.

Dúatlon Escolar. O mesmo sábado pola mañá (11:00 horas) celebrarase o XVIII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago, clasificatorio para o provincial, que conta cunha inscrición de case 240  deportistas das categorías benxamín (48), infantil (55), alevín (84) e cadete (50). As distancias son diferentes segundo a categoría. Desta forma, en benxamín as e os deportistas correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán 250 metros; en alevín as distancias son de 1 quilómetro (carreira), 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pe; en infantil, 1,5 quilómetros de carreira,  6 quilómetros de bicicleta e 750 metros de carreira e, por último, en cadete son 2 quilómetros de carreira a pe, 8 quilómetros de bicicleta 1 quilómetro de carreira.

O programa de Dúatlon Escolar consta de varias probas locais ou zonais, nas que se clasifican os 25 mellores por categoría e sexo para as fases provinciais e aquí lograrán o pase ao Galego os 8 primeiros clasificados de cada categoría, ademais dos dous primeiros equipos por categoría e sexo. “Xogade” está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Tríatlon. No mes de febreiro tiveron lugar as dúas primeiras probas: a mediados de mes en Carballo e a pasada semana en Lugo.

 

 

 

 

 

Quizáis che interese…