O CIDADE DE LUGO CHEGA COMO LÍDER PROVISIONAL ÁS DÚAS ÚLTIMAS XORNADAS DA LIGA NACIONAL DE CLUBS QUE SE CELEBRAN ESTA FIN DE SEMANA EN SEVILLA

O CIDADE DE LUGO CHEGA COMO LÍDER PROVISIONAL ÁS DÚAS ÚLTIMAS XORNADAS DA LIGA NACIONAL DE CLUBS QUE SE CELEBRAN ESTA FIN DE SEMANA EN SEVILLA

11/10/2018
O CIDADE DE LUGO CHEGA COMO LÍDER PROVISIONAL ÁS DÚAS ÚLTIMAS XORNADAS DA LIGA NACIONAL DE CLUBS QUE SE CELEBRAN ESTA FIN DE SEMANA EN SEVILLA
Os dos equipos do Cidade, no máis alto do podio. Foto do facebook do Cidade de Lugo Fluvial.

Esta fin de semana (13 e 14 de outubro)  remata en Sevilla a Liga Nacional de Clubs de Tríatlon, coa disputa das dúas últimas xornadas (o Campionato de España de Tríatlon por Clubs e o Campionato de España de Relevos mixtos). O Cidade de Lugo Fluvial, que defende o título dobre (masculino e feminino) do pasado ano, chega a estas citas como líder provisional da Liga nas dúas categorías. Ademais o Arcade Inforhouse é segundo na categoría masculina e o Tríatlon Ferrol, terceiro na feminina.

Campionato de España de Clubs. O sábado 13 celebrarase o Campionato de España de Tríatlon de Clubs de Primeira División, Segunda División e Terceira (quinta xornada da Liga Nacional de Clubs) coa participación de 70 equipos e aproximadamente mil deportistas. Na Primeira División, tanto masculina como feminina, haberá representación galega que loitará polos primeiros postos. A proba feminina comezará ás 13:45 horas, coa participación do Cidade de Lugo Fluvial, Arcade Inforhouse e Tríatlon Ferrol, representando ao tríatlon galego. A proba masculina, que comezará ás 16:30 horas, contará con dous clubs galegos: Arcade Inforhouse e Cidade de Lugo.

Cada entidade debe presentar un equipo formado por un mínimo de 8  deportistas e un máximo de 10 e puntúan todos os participantes. A proba disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20,1 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe).

 Na segunda División feminina participará o Náutico de Narón e na masculina, o Tríatlon Arteixo e o Olímpico de Vedra.

O domingo 14 de outubro (12:00 horas) disputarase o primeiro Campionato de España de Relevos mixtos (proba olímpica en Tokio), que será ademais a sexta e última xornada da Liga Nacional de Clubs. Os equipos están formados por catro deportistas (dous homes e dúas mulleres) que realizarán, cada un deles, un mini sprint (300 metros de natación, 6,7 quilómetros de ciclismo e 1,6 de carreira a pe), antes de dar a quenda ao seguinte compañeiro.