O Festival Multisport Pontevedra 2019 avanza con duras sesións de traballo da organización

30 de Novembro de 2017

Os técnicos da Federación Internacional de Triatlón (ITU), xunto con técnicos das federacións española e galega e responsables do departamento municipal de Deportes, coa concelleira Anxos Riveiro ao fronte, están en Pontevedra celebrando varias reunións de traballo (onte e hoxe) co fin de perfilar os circuítos nos que se disputará o Festival Multisport Pontevedra 2019, a cadencia das probas, calendarios, etc. E avaliar a idoneidade das instalacións deportivas para darlle soporte aos campionatos e atletas.

O Pavillón e Concello acolleron as primeiras sesións de traballo do día nas que os técnicos da ITU coñeceron tamén o avance da campaña de imaxe e comunicación que  o Concello de Pontevedra promoverá para dar a coñecer o evento deportivo ao mundo.

As propostas postas enriba da mesa polo Concello teñen que cumprir os esixentes requisitos marcados pola ITU e cotexar esta adecuación forma parte deste traballo preparatorio. Unha adecuación e idoneidade que será analizada polo miúdo e in situ no caso dos circuítos -de longa distancia, Tricross- e de instalacións como o complexo deportivo do Pontillón o as dependencia do CGTD.

O Festival Multisport Pontevedra 2019 traerá a Pontevedra os campionatos do mundo de Aquatlóm, Triatlón de longa distancia, Triatlón Cross, Duatlón e Aquabike

Esta visita de traballo da Federación Internacional chega logo das reunións institucionais previas convocadas en meses anteriores entre o Concello, Deputación e Xunta e as federacións española e galega, así como dos encontros técnicos na cidade de responsables das dúas federacións e tamén do Concello para ir avanzado na organización do Festival Multisport.

Quizáis che interese…