Os pentatletas galegos, cos mellores na toma de tempos de Barcelona

Fegatri 21/12/2013

Para pechar 2013, o péntatlon moderno galego mide o seu nivel de pretempada no Centro de Alto Rendemento de Barcelona onde esta semana as cadetes Aroa Freije e Lúa Vidal, ademais dos deportistas lucenses becados no CAR, Cristóbal Rodríguez e Raúl Blanco, realizaron unha toma de tempos co obxectivo de que os seus adestradores podan coller referencias para seguir enfocando a súa preparación no próximo ano.

A canteira do péntatlon moderno

A canteira do péntatlon moderno

Deste xeito, en Lugo celebrouse a pasada semana unha toma de tempos oficiosa cos pentatletas da escola lucense na que realizaron tests de carreira, natación, esgrima e a proba combinada –tiro e carreira-.

Ademais, a responsable das promesas do péntatlon moderno da FEGATRI, Ruth Ballesteros, salientou a evolución dos alevíns e benxamíns que participaron o pasado domingo en Melide nunha competición de miniesgrima, Martín Zapata, de Lugo, e Óscar Rama, da Coruña.

Así, mirando a 2014, Galicia reforzará o seu nivel neste deporte xa que, despois de lograr un 30º posto no Europeo e converterse en campión de España sénior, o vivairense Cristóbal Rodríguez, continúa a ser non só o líder dos galegos senón tamén dos pentatletas estatais e proseguirá en 2014 o seu camiño para a clasificación para os Xogos Olímpicos de Rio, que xa tivo moi preto na edición de Londres.

Nas categorías de base, Galicia tamén é un referente do péntatlon moderno ao contar con Aroa Freije, bronce no Europeo cadete e campioa de España, ou Raúl Blanco, medalla de prata no campionato de España xuvenil.