SILVIA DEIRA E RICARDO REY, GAÑADORES DO II DESAFÍO ILLAS CÍES

14 de Setembro de 2014

Silvia Deira (Arcade Inforhouse) e Ricardo Rey (NoSportLimit-Trek Galicia) proclamáronse hoxe campións da segunda edición do Desafío Illas Cíes, no que participaron catrocentos deportistas a pesar da chuvia.

A proba feminina, ante a ausencia de Aida Valiño (gañadora da primeira edición e actualmente en proceso de recuperación tras un grave accidente) presentábase moi aberta, sen unha favorita clara. Pero Silvia Deira, cunha proba moi regular, foi marcando diferenzas e deixando claro que quería o triunfo. Foi a terceira na natación, a segunda no sector do ciclismo e a terceira na carreira a pe, e así logrou presentarse na liña de meta na primeira posición cun tempo de 4:59:33. Foi a única deportista que logrou facer o percorrido total en menos de cinco horas. Iria Fernández (Arcade Inforhouse) ocupou a segunda posición (5:03:47), mentres que terceira foi Blanca Lavandeira (Mar de Vigo) cun tempo de 5:03:47.

Na proba masculina, proclamouse gañador Ricardo Rey (NoSportLimit-Trek Galicia), que logrou a distancia suficiente nos dous primeiros sectores, para tomarse con máis tranquilidade a media maratón final, na que ía bastante xusto de forzas. Foi o segundo na natación e o primeiro no ciclismo, para terminar no 15º posto no segmento de carreira a pe. Así, chegou a meta cun tempo de 4:07:58. O podio completouse con Sergio Gamazo (Línea de meta) e Jorge López (Tri-Penta Terras de Lugo).

Outros gañadores da proba son:

 

ü  Sub 23: Cristóbal Dios (Galaico Cidade de Pontevedra).

ü  Veteranos 1: Silvia Deira (Arcade) e Jorge López (TRi-Penta Terras de Lugo).

ü  Veteranos 2: José Vidal (licenza dun día).

ü  Veteranos 3: Eduardo Vieira (licenza dun día).

ü  Veteranos 4: José Manuel Cruces (Club Deportivo Pinarium).

 

Nesta ocasión a proba estivo marcada polas condicións climatolóxicas xa que choveu durante boa parte da mesma, sobre todo no segmento da bicicleta. Pero nada podía frear o entusiasmo dos deportistas, nunha proba espectacular en todos os sentidos. As distancias da proba son 1,9 quilómetros de natación, 90 quilómetros de bicicleta e 21,1 de carreira a pe, por uns contornos marabillosos.

clasifica desafio cies 2014

Quizáis che interese…