SUSANA RODRÍGUEZ, PRATA NO MUNDIAL DE PARATRIATLON DE LONDRES

13 de Setembro de 2013

 Susana Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) despídese de Londres con dúas medallas no peto. A viguesa logrou onte a medalla de prata no Campionato do Mundo de Paratriatlon na categoría TRI6B, por detrás da británica Melissa Reid.

Susana, que competía xunto a súa guía Mayalen Noriega, foi sempre por detrás da británica. Na natación perdeu máis de corenta segundos, pero na bicicleta foi quen de recortar e moito a distancia ata poñerse a só 19 segundos da líder. Pero na carreira a pe Reid foi máis constante e confirmou o triunfo cun tempo de 1:13:24 segundos. Na segunda posición chegou Susana (1:15:29), mentres que terceira por Charlotte Ellis (1:18:00).

Curiosamente, este ano houbo un cambio na orde do podio, xa que no 2012 Susana fora a campioa do mundo por diante de Reid, e agora quedou na primeira posición a británica.

Na proba do xoves, o Mundial de Acuatlón paralímpico, houbo outra medalla para Susana Rodríguez, que logrou  a prata en TRI6b feminino, tras un duro duelo con Melissa Reid (que tamén logrou o ouro). Hai que recordar que a guía de Susana, Mayalen, estaba a recuperarse dunha lesión (rompeu a escápula do ombreiro).

Ademais, a galega enfronta unha nova categoría TRI6b, que é para aquelas deportistas que teñen algo de visión, polo que xa non debe usar as gafas escuras para pechar a súa visión, e pode competir co 10 por cento de visión que ten. Un novo paso cara aos próximos Xogos Olímpicos.

 Proba elite masculina. O domingo (14:30 horas) terá lugar a Gran Final das Series Mundiais e co título mundial en xogo. So tres deportistas aspiran ao título (Alistair e Jonathan Brownlee e Javier Gómez Noya). O galego non depende só do seu resultado, pero o que ten seguro é que para aspirar a proclamarse campión do mundo ten que gañar a proba e esperar os resultados dos Bronwlee. Desta forma, o galego, actualmente terceiro na clasificación provisional, ten que ser primeiro e meter a un deportista entre el e Alistair. É dicir, Javi sería campión sempre nun enfrentamento directo con Jonathan so con quedar por diante do irmán pequeno, pero no caso de Alistair ademais de gañar, tería que meter a un triatleta por medio (Alistair debería ocupar a terceira posición ou máis atrás).

 

 

Quizáis che interese…