UXÍO ABUÍN, ANTONIO SERRAT, ANDRÉS CENDÁN E INÉS SANTIAGO NA COPA DE EUROPA DE MELILLA

Fegatri 06/10/2017
UXÍO ABUÍN, ANTONIO SERRAT, ANDRÉS CENDÁN E INÉS SANTIAGO NA COPA DE EUROPA DE MELILLA
Podio de Weihai con Uxío Abuín (ouro) e Antonio Serrat (bronce).

Os galegos Uxío Abuín (Olímpico de Vedra), Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo), Andrés Cendán (Cidade de Lugo Fluvial) e Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) disputarán o domingo 8 de outubro a Copa de Europa de Melilla, última da tempada e na que se decidirá o gañador do circuíto Europeo de Tríatlon 2017. Uxío Abuín chega a na segunda posición a esta última cita e con opcións de vencer, aínda que o favorito é o actual líder, o portugués Joao Pereira, que ten unha boa distancia de puntos.

A proba disputarase sobre a distancia olímpica, de forma que os triatletas terán que facer 1.500 metros de natación, 40,7 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pe. A proba feminina comezará ás 15:00 horas, mentres que a masculina ten como hora de inicio ás 18:00.

Na categoría masculina o nivel é altísimo, con Joao Pereira (actual número 1 do ránking europeo), Uxío Abuín, Raphael Montoya, Antonio Serrat, Rostislav Pevtson… Tanto Uxío coma Antonio están a acumular moitas probas neste final de tempada, pero ambos enfrontan o reto con moita ilusión, xa que os resultados están a ser bastante positivos. O peor, os quilómetros que levan nas pernas e as longas viaxes. Na última Copa de Europa, a de Weihai (China), Abuín logrou o triunfo e Serrat foi bronce. Tamén participará en Melilla, Andrés Cendán, que tentará facer un bo papel e sumar puntos para o ránking ITU.

Na categoría feminina tamén teremos representante. Inés Santiago (actualmente 11ª do ránking europeo) tentará facer un bo papel e subir, se é posible, algún posto no ránking. O mellor resultado de Inés Santiago foi a prata na Copa de Europa de Altafulla, onde sumou a totalidade dos puntos para o ránking continental, ao lograr a vitoria a norteamericana Summer Cook. Precisamente Inés é a protagonista do cartel da Gran final das Copas de Europa, que se disputa en Melilla.