VARIOS CLUBS GALEGOS PARTICIPAN ESTA FIN DE SEMANA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON POR CLUBS EN AVILÉS

Fegatri 20/04/2017
VARIOS CLUBS GALEGOS PARTICIPAN ESTA FIN DE SEMANA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE DÚATLON POR CLUBS EN AVILÉS

Varios clubs galegos participarán esta fin de semana no Campionato de España de Dúatlon por clubs, que se celebrará en Avilés. Este torneo será a cuarta xornada da Liga Nacional de Clubs de Dúatlon.

O sábado 22 celebraranse as probas de Promoción e a proba popular. Na promoción masculina (16:45 horas) participará o Talleres David Tríatlon Compostela, mentres que na feminina non haberá presenza galega.

O domingo 23 será o momento para a disputa das probas da Primeira e Segunda División nas categorías masculina e feminina. Na primeira División Masculina (13:30 horas) participarán 15 equipos, co Arcade Inforhouse, Olímpico de Vedra e Cidade de Lugo Fluvial entre os inscritos, mentres que na feminina (12:00 horas) os participantes galegos será o Cidade de Lugo Fluvial e o Olímpico de Vedra.

En Segunda División Masculina (10:30 horas), Galicia contará con catro representantes: Tri-Penta Terras de Lugo (cun equipo moi potente), Tríatlon Ferrol, Natación Riveira e Tríatlon Arteixo. Na categoría feminina (09:00 horas) o Tri-Penta Terras de Lugo será o representante galego.

Esta proba será a cuarta xornada da Liga Nacional de Clubs e a formación das diferentes división realizarase en base á devandita Liga. Os equipos estarán formados por un máximo de 10 deportistas e un mínimo de 8 (Primeira División) e de 8-6 (en Segunda) e de 6 duatletas  en Promoción. As distancias serán de 4,8 quilómetros de carreira a pe, 18,5 de bicicleta e 2,75 de carreira a pe, e a clasificación realizarase sumando os puntos que aportará cada deportistas do club polo seu posto na liña de meta.

2016. O pasado ano celebrouse a primeira edición deste campionato en Boiro e non houbo medallas galegas para os clubs galegos na Primeira División. A mellor posición foi o cuarto posto do Cidade de Lugo na categoría feminina.