ANTONIO SERRAT E CAMILA ALONSO, CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON DE ESTRADA  

Fegatri 09/04/2017
ANTONIO SERRAT E CAMILA ALONSO, CAMPIÓNS GALEGOS DE DÚATLON DE ESTRADA   

Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Camila Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamáronse hoxe en Vigo campións galegos de  Dúatlon de Estrada. Foron dúas probas moi emocionantes e de gran nivel que non se decidiron ata o final.

WhatsApp Image 2017-04-09 at 20.43.51Na categoría feminina, a proba xa se cortou no primeiro segmento de carreira a pe. Chegaron a primeira transición un grupo de cinco deportistas (Camila e Melina Alonso, Joselyn e Edymar Brea e Iria Fernández), que se quedou en cuarteto tan pronto comezou a bicicleta, ao quedarse atrás Iria. Así, as catro deportistas (dúas parellas de irmáns) fixeron xuntas a bicicleta e chegaron así á T-2. Quedaba todo por decidir en só 2,5 quilómetros. Inicialmente, caeron da loita polo triunfo Edymar e Melina, mentres que en cabeza seguían imparables Camila e Joselyn, para ter que decidirse todo nos últimos douscentos metros, no que a ferrolá estivo máis rápida para acadar a vitoria e o título de campioa galega cun tempo de 1:06:22. A segunda posición foi para Joselyn Brea (1:06:34) e a terceira na carreira para a súa irmán Edymar (1:07:05), aínda que no Campionato Galego o bronce foi para Melina Alonso (1:07:42), xa que Edymar non pode optar ao título galego.

Na categoría masculina tamén quedaron moi claros cales serían os protagonistas dende o comezo. Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Pablo Dapena (Cidade de Lugo Fluvial) marcharon formando un dúo en cabeza á saída da primeira transición, á que chegara Antonio con algo de vantaxe pero que perdeu ao facer unha transición un pouco lenta.

podio masculinoDurante a bicicleta marcaron un ritmo imposible para os demais, que ían por detrás divididos en varios grupos. Volta a volta, crecían a distancias e na chegada a T-2, Antonio gañou uns metros sobre Pablo, que lle permitiron saír en cabeza con máis de cinco segundos de vantaxe. Quedaban por diante 2.500 metros, pero o vigués non deu opcións ao pontevedrés e chegou a meta en solitario cun tempo de 55:54. A segunda posición foi para Pablo Dapena (56:08)  e o bronce -que se decidiu un fermoso e rifado sprint final entre Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo) e Andrés Cendán (Tríatlon Arteixo)- foi para Luismi Velásquez (58:13).

Os gañadores noutras categorías foron:

  • Júnior: Inés Castaño (Arcade Inforhouse) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol)
  • Sub 23: Antonio Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Melina Alonso (Tríatlon Ferrol)
  • Veterán 1: Ana María López (Tri Ourense) e Elpidio Gómez (Beariz Tríatlon)
  • Veterán 2: Belén Lemat (Cidade de Lugo Fluvial) e Jesús Ursino (Tri-Penta Terras de Lugo)
  • Clubs: Tri-Penta Terras de Lugo (feminino) e Cidade de Lugo Fluvial (masculino)

Ademais da proba federada, tamén se celebrou unha popular con máis de 100 deportistas inscritos. O triunfo na categoría feminina foi para Andrea Iglesias (licenza dun día) e na masculina o vencedor foi Daniel Pérez (Mar de Vigo).

*Resultados provisionais