GALICIA, CAMPIOA DE ESPAÑA DE TRÍATLON POR AUTONOMÍAS NA CATEGORÍA FEMININA E PRATA NA MASCULINA

8 de Xuño de 2013

Galicia volveu a amosar a súa primacía no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, que se está a celebrar esta fin de semana en Xixón. A Federación Galega logrou o título na categoría feminina, mentres que na masculina foi prata e con polémica, ao descualificar a Jesús Gomar que fora o mellor. Mañá celebrarase a proba de relevos mixta, coa que se decidirá a clasificación xeral entre Cataluña e Galicia. Ademais, a nivel individual, podio galego na proba feminina (Aída Valiño, Melina Alonso e Fani Domínguez) e prata para Pablo Dapena na masculina.

BMQNcnTCUAI-fReO campionato comezou coa disputa da carreira feminina e aí as galegas estiveron impresionantes. Aída Valiño logrou a primeira posición (1:01:02), pero entrou en meta da man de Melina Alonso (prata, 1:01:03). Ambas estiveron liderando a proba dende o principio. Aída foi a mellor na natación e segunda en bicicleta (Melina, ao revés) e ambos enfrontaron xuntas a carreira a pe. Así, chegaron xuntas a meta, mentres que terceira foi Fani Domínguez (1:02:02). É dicir, un podio galego ao cen por cento, tal e como xa sucedera o pasado ano.

O equipo feminino estaba formado por Aída Valiño, Fani Domínguez, Saleta Castro, Melina Alonso, Inés Santiago e Marta Barbeito, e para a clasificación final puntúan as catro primeiras. Desta forma, Inés Santiago, que é cadete, foi a cuarta en puntuar cunha magnífica quinta posición na proba. Ademais, Saleta Castro tamén entrou no top-ten (foi sétima cun tempo de 1:03:28).

Con estes resultados, Galicia (4:07:02) foi a campioa de España feminina con case dez minutos de vantaxe sobre a segunda clasificada, que foi Cataluña (4:16:20). A terceira posición do podio foi ocupada por Madrid (4:17:57).

Co primeiro paso dado, chegou o momento dos rapaces e da polémica. Jesús Gomar foi o primeiro clasificado e con moita superioridade sobre o resto, pero os xuíces decidiron descualificalo porque levaba o casco sen abrochar (é obrigatorio por protexer a seguridade do deportista). Nun primeiro momento, ao saír da transición, os xuíces detivérono para que o amarrara e se lle amosou unha tarxeta amarela, pero posteriormente volveu a soltárselle e ese foi o motivo da decisión dos xuíces. A Federación Galega presentou unha reclamación, xa que consideraba que ao deter ao corredor xa non ten motivo a tarxeta, pero a reclamación non foi aceptada e a clasificación cambiou por completo. Aínda así, Galicia foi segunda, por detrás de Cataluña e por diante de Andalucía.

Primeiro foi Miguel Ángel Fidalgo (Illes Baleares, 53:24) e segundo Pablo Dapena (53:40). A prata do equipo galego chegou grazas a Pablo Dapena, Antonio Serrat (13º, 55:10), Andrés Carnevali (15º, 55:33) e Alejandro Álvarez (32º, 56:19). No podio, Cataluña foi a campioa de España masculina, mentres que Galicia foi segunda e Andalucía, bronce.

O campionato celebrouse en Xixón sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe) e para a clasificación final se suman os postos dos catro mellores clasificados (cada equipo pode presentar un máximo de seis deportistas).

A principal novidade do presente ano é que se celebrará unha proba de relevos mixta, que terá lugar mañá domingo 9 de xuño ás 09:30 horas. O equipo estará formado por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 300 metros de natación, 6 quilómetros de bicicleta e 2 de carreira a pe. A autonomía que gane a xeral será a mellor da suma dos resultados das categorías masculina, feminina e relevos.

Resultados 2012. Galicia foi a mellor no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías do 2012, que se celebrou en Mazarrón (Murcia). A selección galega feminina arrasou e logrou o título na categoría feminina, mentres que na masculina foi prata. Da suma destes resultados, saíu a medalla de ouro na xeral para Galicia. Ademais, a nivel individual Jesús Gomar e Marta Jiménez gañaron cadansúa carreira.

Quizáis che interese…