JOSELYN BREA E GUSTAVO RODRÍGUEZ, VENCEDORES DO DÚATLON CIDADE DE LUGO

10 de Febreiro de 2019

Joselyn Brea e Gustavo Rodríguez (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse hoxe gañadores do XXIX Dúatlon Cidade de Lugo, segunda proba do Circuíto Galego de Dúatlon de Estrada 2019.

Podio feminino.

Na categoría feminina, as irmás Brea foi moi superiores. Xa lograron romper a proba na primeiro segmento, no que abriron unha distancia que xa foi insuperable para o resto. Así, Joselyn e Edymar foron xuntas durante os tres segmentos e o triunfo decidiuse ao final a favor da maior das Brea. Mentres por detrás había que decidir o terceiro posto do podio. Á segunda transición chegaron xuntas María Jesús Coya (Cidade de Lugo) e Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo), pero na primeira volta da carreira a pe, Coya logrou escaparse para garantir o terceiro posto na proba.

Desta forma, o triunfo foi para Joselyn Brea (1:07:01), mentres que Edymar Brea ocupou a segunda posición (1:07:02) e María Jesús Coya, terceira (1:12:39).

Na proba masculina, dominio de un dos favoritos. Gustavo Rodríguez decidiu a proba no segmento de bicicleta o que lle permitiu chegar á segunda transición cunha ampla vantaxe e correr o último segmento con tranquilidade e economizando forzas. Por detrás, había bastante igualdade, aínda que a T2 chegou un grupo de cinco duatletas con Brais Misa (Arcade Inforhouse), entre eles, que foi o que atacou xa na primeira volta do terceiro e definitivo segmento. Este ataque foi decisivo porque lle levou a segunda posición, mentres que terceiro foi Iván Puentes (Tríatlon Ferrol), que veu remontando dende atrás.

Así o podio estaba formado polo tudense Gustavo Rodríguez no máis alto, cun tempo de 1:00:00, Brais Misa na segunda posición (1:00:19) e Iván Puentes, terceiro (1:00:22).

A proba, que se celebrou sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 21 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), tivo como punto de saída, transición e chegada o Pazo de Congresos. En total participaron case 200 deportistas. O Dúatlon Cidade de Lugo recibe o nome de “Memorial Alejandro López” en homenaxe ao ex directivo da Federación Galega de Tríatlon.

O resto dos gañadores nas diferentes categorías foron:

  • Cadete: Myrian López (Cidade de Lugo Fluvial) e Esteban Basanta (Cidade de Lugo).
  • Júnior: Sara López (Náutico de Narón) e Juan Rejas (Tríatlon Ferrol).
  • Sub 23: Edymar Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Iván Puentes (Tríatlon Ferrol).
  • Veterán 1: María José Coya (Cidade de Lugo Fluvial) e Gustavo Rodríguez (Tri-Penta Terras de Lugo).
  • Veterán 2: Fátima Paz (Tríatlon Ferrol) e Álvaro Javier García (Tríatlon Ferrol).
  • Clubs: Tri-Penta Terras de Lugo (feminino) e Cidade de Lugo (masculino).

O Circuíto Galego de Dúatlon 2019 está formado por 4 probas (Concello de Poio, Cidade de Lugo, Cidade de Vigo e Cidade de Santiago), que son clasificatorias para o Campionato Galego, que se celebrará en Riveira o día 7 de abril. En cada unha das probas clasifícanse 22 deportistas para o Galego. Na primeira proba da tempada, o Dúatlon Concello de Poio, Aída García (Club Ciclismo Tríatlon Poio) e Brais Misa (Arcade Inforhouse Santiago) lograron a vitoria.

Clasificacións XXIX Dúatlon Concello de Lugo (Circuíto) rev

 

Quizáis che interese…