MÁIS DE TRESCENTOS PARTICIPANTES NO III TRÍATLON CONCELLO DE POIO

4 de Xullo de 2013

 O sábado 6 de xullo disputarase o III Tríatlon Concello de Poio, no que participarán 310 participantes nas catro carreiras previstas pola organización. Esta proba está incluída no Circuíto Galego de Tríatlon de categorías e ademais é clasificatoria para o Campionato Galego 2013.

 A competición comezará ás 15:30 horas coa saída da proba popular, na que os participantes terán que facer 300 metros de natación, 10 quilómetros de bicicleta e 1,5 quilómetros de carreira a pe. O resto das probas será sobre a distancia sprint (750-20-5).

 Ás 17:30 horas darase a saída á proba feminina, na que parten como favoritas as triatletas Aída Valiño (Wild Wolf Cidade de Lugo), Marta Barbeito (A.D. Fogar) e Tatiana Domínguez (Motobike Pontevedra). Ademais, en paratriatlon participará a viguesa Susana Rodríguez Gacio (Wild Wolf).

Para a proba masculina haberá dúas saídas: ás 16:30h comezará a proba B, mentres que ás 18:00 horas será a saída elite masculina. Os favoritos son Brais Canosa (Arcade Inforhouse); Pablo Dapena (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial); Francisco Cendán (Dexter Triatlon Compostela); Cristóbal Dios (Arcade Inforhouse Santiago); Ignacio Castro (Arcade Inforhouse) e Lucas Escaneo (Tríatlon Morrazo)

A carreira de Poio disputarase na modalidade de sprint, con 750 m de natación no mar, con saída dende o Porto do Campelo. A continuación os participantes realizarán 20 quilómetros do segmento de ciclismo (nun percorrido moi rápido con algunha pendente) e finalizarán coa carreira a pe de 5 quilómetros, que é moi dura, xa que practicamente a metade do circuíto é en subida.

 

 

 

 

Quizáis che interese…