Hamburgo prometía emocións fortes e dende logo non decepcionou. Era a primeira vez que os tres medallistas olímpicos de Londres competían xuntos dende esa carreira máxica e os tres volveron a estar no podio, aínda que en diferentes posicións. Nesta oportunidade o gañador foi Jonathan Brownlee -que partía como favorito ao disputarse na proba na distancia máis curta- ao lograr impoñerse na liña de meta ao seu irmán Alistair. Terceiro foi o galego Javi Gómez Noya que estivo loitando polo triunfo ata os últimos metros. Espectacular proba a de Javi.
Nunha rapidísima natación destacou Schoeman, pero todos os favoritos saíron da auga no grupo de cabeza e enfrontaron a transición á bicicleta todos xuntos. E foi no ciclismo onde comezou a decidirse esta Serie Mundial. Os irmáns Brownlee marcaron un ritmo altísimo que só puideron manter sete deportistas máis, entre eles o galego Gómez Noya. No segundo grupo quedaba xente destacada, coa que se contaba para a loita polo triunfo, pero non foron quen de reducir distancias. Ao contrario. O grupo de nove que ía en cabeza foi aumentando a distancia, para facela xa imposible de superar nos cinco quilómetros de carreira a pe. Neste segundo grupo estaba Mario Mola ou Murray, que nada puideron facer por alcanzar aos líderes.
E na carreira a pe, os Brownlee e Javi Gómez Noya puxeron un ritmo imposible de seguir para o resto dos seus compañeiros de escapada e marcharon imparables cara á liña de meta. E así foron xuntos ata os metros finais nos que comezaron os ataques. Gómez Noya intentouno no último quilómetro, pero a falta de uns cen metros perdeu aos británicos que fixeron vibrar ao público nun emocionante final, xa que o vencedor decidiuse no mesmo arco de meta a favor do máis pequeno dos Brownlee, Jonathan (51:05). Alistair conseguiu a prata co mesmo tempo e o bronce foi para Javi Gómez Noya (51:14), que recuperou as boas sensacións e competiu a un altísimo nivel. Ademais, hai que destacar o quinto posto de Mario Mola, que veu remontando dende ese segundo grupo (51:46).
Na carreira tamén competiu o galego, Jesús Gomar, que non chegaba nun bo momento de forma, segundo recoñecía el mesmo no seu twitter antes de viaxar a Hamburgo. E acertou plenamente Gomar, que non estivo na carreira en ningún momento. Finalizou na posición 54.
Campionato do Mundo de Relevos. Outra das novidades deste ano en Hamburgo é a celebración do Campionato do Mundo de Relevos, que terá lugar o domingo 21 (15:00 horas). Os equipos estarán formados por dous chicos e dúas chicas e as distancias serán de 300 metros de natación, 6,6 de bicicleta e 1,6 de carreira a pe. Aínda que non se deu a coñecer a composición dos equipos, parece que Javi Gómez Noya será un dos integrantes do combinado español.