A Fundación Deporte Galego ven de publicar hoxe, martes 16 de outubro, no Diario Oficial de Galicia a Convocatoria de Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel 2018, baixo a denominación “Convocatoria de AXUDAS DGAN 2018”, e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos/as deportistas galegos/as de alto nivel.
Esta convocatoria conta nesta ocasión con seis tipos de axudas: Axuda DGAN 1, Axuda DGAN 2, Axuda DGAN 3, Axuda DGAN 4, Axuda DGAN 5 e Axuda DGAN 6, que serán asignadas segundo os resultados deportivos que os deportistas tiveran acadado durante o ano 2017 (non se valorarán resultados acadados en anos anteriores ou posteriores). Serán valorados segundo os apartados 6.4.1. e 6.4.2. das bases.
As devanditas bases desta convocatoria están á vosa disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, na web http://deporte.xunta.gal, así como no taboleiro de anuncios da Fundación Deporte Galego dende hoxe. A destacar, en todo caso, que o prazo de presentación de solicitudes comeza mañá mércores 17 e rematará o vindeiro luns 30 de outubro de 2018.
Aproveito para recordarvos as seguintes observacións:
-
Como na edición anterior, ademais de manter tamén a liña tradicional de presentación presencial en formato papel, poderase cursar a solicitude de axuda de forma telemática. As persoas solicitantes terán á súa disposición os formularios normalizados (anexos I, II e III) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Poderán utilizar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da propia Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) habilitándose un enlace na Guía de procedementos e servizos co código PR961A (que estará dispoñible a partir de mañá, día 17 de outubro).
-
Poderán solicitar axuda todos/as aqueles/as deportistas que estean ou estiveran recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas de Alto Nivel nalgún momento dos anos 2017 e/ou 2018 (aínda que a día de hoxe non estea vixente o recoñecemento).
-
Deberán limitarse unicamente a presentar correctamente cubertos os anexos abaixo e que tamén están dispoñibles na nosa páxina web e na citada sede electrónica da Xunta de Galicia.
-
Do mesmo xeito que na convocatoria pasada, o Anexo II-Certificado da Federación debe ser asinado de forma manuscrita para a presentación en formato papel-presencial ou asinado de forma dixital en formato PDF no caso das presentacións telemáticas (coa sinatura dixital de secretario/a ou presidente/a).
Anexos Axudas DGAN 2018 PR961A galego
Anexos Axudas DGAN 2018 PR961A castelán