O sábado 7 de setembro (17:00 horas) celebrarase o V Tríatlon Popular Pontenafonso Memorial “Michel” no que están inscritos un total de 120 deportistas. Esta proba está organizada pola Asociación Deportiva O Peirán de Outes e conta coa subvención dos Concellos de Outes e Noia.
A inscrición provisional pechouse onte cun total de 120 deportistas e que amosa o interese por esta proba que xa vai pola súa quinta edición. O campionato celebrarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 de carreira a pe) e o segmento de natación realizarase no río Tambre.
Entre os participantes destaca a presenza de Sara Guerrero (Naútico de Narón), Xiana Rendo (Dexter Tríatlon) ou Irene Serrat (Wild Wolf) na categoría feminina e Marcos Ruiz (Tríatlon Ferrol), José Manuel Pardo Leis (Muralla de Lugo) e Andrés Cendán (Dexter) na masculina.
Este memorial comezou a celebrarse no ano 2001 en homenaxe a un xoven estudante de INEF, Miguel Ángel Agrafojo Pedrosa, que foi o primeiro en organizar un tríatlon popular en Pontenafonso no ano 92. Michel organizou este tríatlon durante dous anos (92 e 93) e finou a finais do 93 por unha doenza cardíaca.
A sociedade O Peirán organizou o memorial durante catro anos consecutivos (2001-04) e despois tivo que deixar de facelo por motivos laborais, pero agora regresan con forza e con ganas de seguir recordando a Michel e a súa aposta por este deporte.