O DOMINGO 6 DE OUTUBRO CELEBRARASE O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE LONGA DISTANCIA EN CALELLA

3 de Outubro de 2013

 O domingo 6 de outubro celebrarase en Calella a Challenge Barcelona 2013, que este ano é ademais o Campionato de España de Longa Distancia. O galego Gustavo Rodríguez (Wild Wolf Cidade de Lugo Fluvial) participará nesta proba e tentará loitar polo podio.

Nesta quinta edición da Challenge participarán un total de 1.350 deportistas, nas diferentes probas previstas (profesionais, grupos de idade, paratri e relevos). Na proba haberá grandes deportistas -coma o campión de Europa de longa distancia, o austríaco Andrej Vistica- e unha importante presenza de estranxeiros. O 71 por cento dos participantes virán de 35 países, mentres que o 29% serán españois. Precisamente, estes son os que loitarán polo título de campión de España de longa distancia, onde Gustavo Rodríguez, que comeza a dar os primeiros pasos na longa distancia, espera facer un bo papel. Parten como favoritos para loitar polo título Richard Calle, José Luis Cano e Amiar Aguirresarobe.

Os percorridos desta durísima proba son de 3.800 metros de natación (no mar Mediterráneo), 180 quilómetros de bicicleta e 42,2 quilómetros de carreira a pe. A proba elite masculina comezará ás 8:30 horas, mentres que as mulleres sairán dous minutos máis tarde.

 

 

Quizáis che interese…