SETE MEDALLAS PARA GALICIA NA ÚLTIMA PROBA DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE PÉNTATLON MODERNO

25 de Maio de 2013

Galicia acadou un total de sete medallas (catro ouros, dúas pratas e un bronce) na terceira e última proba do Campionato de España de seleccións autonómicas de Péntatlon Moderno celebrada hoxe en Punta Parayas (Cantabria).

Na categoría benxamín a Federación só levaba a un competidor na categoría masculina, Lucas Pena, que non puido facer un papel mellor:  Logrou a medalla de ouro, como xa fixera na primeira proba deste campionato.

En alevín os resultados foron moi bos para Galicia co segundo posto de Esteban Basanta na categoría masculina e o dobrete na feminina: Andrea Vidal logrou a primeira posición, mentres que María López ocupou o terceiro chanzo no podio.

En infantil feminino tamén houbo medalla para os representantes da Federación Galega. Lorena Iglesias logrou a medalla de prata, mentres que Yolanda Rodríguez e Javier Pena acariñaron o metal, pero finalmente tiveron que conformarse coa cuarta posición.

Aroa Freije regresaba á competición despois dunhas semanas de ausencia por culpa dunha lesión e a súa reaparición non puido ser mellor. A galega logrou a medalla de ouro (fixo pleno nas tres probas celebradas) en cadete feminino, mentres que a súa compañeira Lúa Vidal foi quinta clasificada.
Por último, sinalar o ouro acadado por Raúl Blanco (que adestra no CAR de Barcelona) e que está volvendo a conseguir uns magníficos resultados despois dun período de adaptación. Ademais, o outro galego na categoría xuvenil masculina, Yoel Rois foi cuarto clasificado.

O campionato de España por autonomías de péntatlon –nas categorías de benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil- está formado por tres probas. Nas categorías benxamín, alevín e infantil as e os deportistas realizan somentes as probas de combinada (carreira e tiro) e natación, mentres que en cadete e xuvenil tamén compiten en  esgrima. A proba de hípica só se realiza nas categorías superiores (xúnior e absoluto), que non están incluídas neste campionato. Agora queda pendente o Campionato de España individual que se celebrará en Barcelona na segunda semana do mes de xullo.

Quizáis che interese…

Política de cookies

Este sitio web usa cookies para que lle poidamos ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no seu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volve ao noso sitio web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web lle resultan máis interesantes e útiles.