ADRIANA BARRAZA E ABRAHAM ROBERTO CASTELLANOS, GAÑADORES DO DUATLÓN CONCELLO DE LUGO

9 de Marzo de 2014

Os mexicanos Adriana Barraza e Abraham Roberto Castellanos (ambos do Muralla de Lugo) proclamáronse hoxe  campións do  XXIV Duatlón Concello de Lugo “Memorial Alejandro López”. Esta proba, terceira proba do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada 2014, contou cunha inscrición de douscentos deportistas.

Na categoría feminina a mexicana Adriana Barraza volveu conseguir o triunfo, igual que fixera a semana pasada en Guitiriz. Foi a mellor das participantes nos tres segmentos e chegou a meta na primeira posición 1:06:29. A segunda posición foi para Verónica Montes (Trinity Tríatlon) que fixo unha proba espectacular, sendo a segunda mellor en todos os sectores (1:08:20). A terceira clasificada, Marina González (Tri-Penta Terras de Lugo) a catro minutos.

Na proba masculina houbo un man a man entre Abraham Roberto Castellanos e Gustavo Rodríguez, como tamén sucedera en Guitiriz, aínda que nesta oportunidade resolveuse a favor do mexicano. Castellanos logrou o mellor tempo na carreira a pe, para despois igualarse as cousas na bicicleta, onde Gustavo e Abraham lograron abrir distancias sobre o resto dos participantes. Así, todo se decidiu no último tramo de carreira a pe, onde o mexicano se impuxo. Ao final, triunfo para Abraham Roberto Castellanos cun tempo de 56:09, mentres que segundo foi Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 56:36 e terceiro clasificado foi César Ramiro Saracho (Muralla de Lugo) con 58:06.

O Duatlón Cidade de Lugo, que se celebrou sobre a distancia sprint (5 quilómetros a pe, 20 quilómetros en bicicleta e 2,5 de carreira a pe), recibe o nome de “Memorial Alejandro López” en homenaxe ao ex directivo da Federación Galega de Tríatlon, que finou hai uns anos.

Os gañadores do resto das categorías foron:

    Cadete: Andrés Cendán  (Dexter Tríatlon Compostela).
    Júnior: Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Ignacio Castro  (Arcade Inforhouse).
    Sub 23: Adriana Barranza (Muralla de Lugo) e César Ramiro Saracho (Muralla de Lugo).
    Veterana/o 1: Belen Lemat (Cidade de Lugo Fluvial)  e Jorge López de la Puente (Tri-Penta Terras de Lugo).
    Veterana/o 2: Virginia Jiménez (Roqsport.com-San Roque) e Andrés López (Monte Abaixo).
    Veterano 3: Andrés Cupeiro (Tríatlon Ferrol).
    Tri6b: Susana Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial).
    Clubs: Cidade de Lugo Fluvial (feminina) e Muralla de Lugo (masculino).

O Circuíto Galego de Duatlón de Estrada está formado por catro probas:  O Carballiño, Guitiriz, Lugo e Vedra (15 de marzo). Todas son clasificatorias para o Campionato Galego (logran praza os 22 primeiros clasificados), que terá lugar en Santiago de Compostela a finais de marzo (día 30).

María Ortega e Nan Oliveras, ambos do Tri-Penta Terras de Lugo, proclamáronse gañadores do Aviamandu Concello de O Carballiño, mentres que a mexicana Adriana Barraza (Muralla de Lugo) e Gustavo Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) lograron o triunfo en Guitiriz.
Clasificacións XXIV Duatlon Cidade de Lugo

Quizáis che interese…