A selección galega de tríatlon completou unha excelente fin de semana no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías, disputado os días 27 e 28 de xuño en Tudela (Navarra), acadando importantes resultados tanto na competición en idade escolar (CESA) como na categoría absoluta.
A primeira xornada estivo marcada pola sobresaliente actuación dos deportistas galegos no Campionato de España en Idade Escolar (CESA), onde Irene García conquistou a medalla de prata na categoría cadete feminina tras unha brillante competición.

Ademais do podio de Irene, Galicia contou cunha destacada presenza nos postos de cabeza. Na categoría cadete feminina, Lucía Ageitos foi quinta, Alba Porto sexta e Martina Yubero decimosétima. Na categoría xuvenil feminina, Carmen Rábade rematou oitava, Daniela Bruzos foi vixésimo terceira e Marta Muñiz vixésimo quinta.
Tamén cómpre salientar os resultados acadados nas categorías masculinas. En cadete masculino, Jeyden Jael Silva quedou ás portas do podio cunha cuarta posición, seguido de Adrián Canosa (8º), Diego Souto (11º) e Alejandro Casal (29º). Pola súa banda, en xuvenil masculino, Jesús Patiño finalizou no posto 12, Javier Campos no 13, Iago Costa no 20 e Lucas Prada no 24.
Grazas a estes resultados, Galicia concluíu a xornada do sábado na segunda posición da clasificación por seleccións autonómicas en idade escolar, só por detrás da Comunidade Valenciana e por diante da Comunidade de Madrid.
No Campionato de España por Autonomías Absoluto, a selección galega tamén amosou un elevado nivel competitivo. Marta Novo foi sexta na categoría feminina, acompañada por María Alzaga (10ª), Lucía Piñón (13ª) e Ana María Santiso (16ª). Na categoría masculina, Cristian Fernández e Adrián Sancho finalizaron nos postos 22 e 23, respectivamente. Tras as probas individuais, Galicia ocupaba provisionalmente a quinta posición da clasificación xeral.
A competición concluíu o domingo coa disputa das remudas mixtas. A selección galega cadete volveu subir ao podio ao conseguir a medalla de prata, resultado que permitiu a Galicia proclamarse subcampioa de España por autonomías en idade escolar, culminando un campionato de enorme nivel para os e as deportistas galegos máis novos.

Así mesmo, celebráronse as remudas inclusivas, tanto en idade escolar como en categoría absoluta, nas que Galicia acadou unha meritoria cuarta posición en ambas competicións.

Na proba de remuda mixta absoluta, a selección galega protagonizou unha intensa loita polas medallas e finalizou na cuarta posición, quedando ás portas do podio tras unha destacada actuación colectiva.
Con estes resultados, Galicia pechou a súa participación no Campionato de España de Tríatlon por Autonomías Absoluto na quinta posición da clasificación xeral tras dúas xornadas de máxima esixencia. Cataluña proclamouse campioa nacional con 57 puntos, mentres que Madrid e Castela-A Mancha compartiron a segunda posición con 50 puntos. Castela e León foi cuarta con 47 puntos e Galicia completou o Top 5 cun total de 45 puntos.
O balance final deixa un excelente sabor de boca para o tríatlon galego, que regresa de Tudela cun subcampionato de España en idade escolar, varias actuacións individuais de gran nivel e unha destacada presenza entre as mellores seleccións autonómicas do país.



