O domingo 24 de xullo disputarase en Lugo o XXVIII Tríatlon do Miño–Lugo Patrimonio coa participación de 240 deportistas nas diferentes probas organizadas. Ao longo de toda a mañá celebraranse un Nada e Corre para os máis pequenos e non competitivo (09:50 horas), unha proba popular (10:00) e a proba oficial, pertencente ao Circuíto Galego e clasificatoria para o Campionato Galego. A masculina terá dúas saídas (11:10 sen corte e 12:20 horas ) e a feminina comezará ás 12:30 horas.
O Tríatlon do Miño disputarase sobre a distancia sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe), con saída e primeira transición na área creativa Los Robles, mentres que a segunda transición e a meta estarán ubicadas na Praza Maior de Lugo, o que suporá unha chegada espectacular.
Na proba feminina (12:30 horas) as favoritas a loitar polo triunfo serán Marta Barbeito (A.D. Fogar), Esther Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial), Balbina Tarrío (Tríatlon Arteixo), Carmen Bello (Cidade de Lugo Fluvial) ou Salomé Calviño (A.D. Fogar), estas dúas últimas cadetes.
Na categoría masculina (12:20 horas) destaca a participación da selección mexicana, con Crisanto Grajales (Cidade de Lugo Fluvial) ao fronte. Pero ademais, estará na liña de saída Vicente Hernández, o deportista que participará nos Xogos Olímpicos de Río no lugar de Javier Gómez Noya. Outros deportistas con opcións son Miguel Ángel Acosta (Cidade de Lugo Fluvial), Diego Paz (Arcade Inforhouse) ou Iago Lorenzo (Tri-Penta Terras de Lugo).
Outras probas. Ademais, celebrarase unha popular (distancia sprint) con máis de 40 participantes, así como un Nada e Corre non competitivo para as categorías benxamín, alevín e infantil. As distancias son 150 metros de natación e 500 metros de carreira a pé.
Ano 2015. Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) e Fernando Alarza (Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse vencedores do XXVII Tríatlon do Miño, que o pasado ano era tamén Campionato Galego. Os títulos de campións galegos foron para Melina e para Antonio Serrat (Tri-Penta Terras e Lugo), xa que Alarza aínda que ten licenza galega non está empadronado en Galicia.