MELINA ALONSO, CAMPIOA DE ESPAÑA DE TRIATLÓN DISTANCIA SPRINT

23 de Xuño de 2013

diana cotonMáis medallas para a Federación Galega de Tríatlon no Campionato de España da distancia sprint, que se celebrou esta fin de semana en Altafulla (Tarragona) e iso a pesar das importantes ausencias coa que se presentou o equipo galego. Hoxe, Melina Alonso (Tríatlon Ferrol) proclamouse campioa de España sénior e sub 23, acompañada no podio sénior por Marta Jiménez (Wild Wolf) que foi prata. En xúnior tamén houbo medallas para os deportistas galegos: Diana Cotón (Arcade Inforhouse) foi prata e Antonio Serrat (Wild Wolf Cidade de Lugo), bronce.

 

Na categoría sénior feminina, Melina non tivo un triunfo sinxelo, xa que na natación perdeu bastante tempo ao desorientarse na segunda boia, e saíu da auga no grupo perseguidor. Pero na bicicleta logrou remontar. Primeiro alcanzou as que ían por diante e posteriormente, no último terzo logrou escaparse en solitario e fixo a última transición con 35 segundos de vantaxe sobre Sara Pérez. Así, o último segmento foi moi cómodo para a galega do Tríatlon Ferrol que rematou cun tempo de 1:05:34. Ademais, hai que destacar a prata de Marta Jiménez (1:06:16), na primeira proba despois de varios meses de lesión. Marta, que chegou á carreira a pe, na terceira posición, logrou remontar para acadar unha medalla de prata de enorme valor para ela, despois de tanto tempo se poder competir. Foi a mellor neste sector. Ademais, Melina logrou o título na categoría sub 23 e o Wild Wolf Cidade de Lugo a ouro na clasificación de clubs femininos. Outro título para as lucenses.

 

Na elite masculina, Galicia non tiña representantes con opcións, aínda que o Wild Wolf Cidade de Lugo si presentou un equipo interesante formado por deportistas de fóra. Desta forma, o campión de España foi Frances Godoy (Independente) e o segundo posto da proba foi para o mexicano Irvin Pérez (Wild Wolf), que non puntuaba para o campionato de España. Así, na clasificación de clubs, o Wild Wolf Cidade de Lugo logrou a medalla de prata.

 

Na categoría xúnior tamén houbo moi bos resultados para Galicia. Na categoría feminina, o primeiro posto foi para unha deportista do Tríatlon Ferrol, Laura Gómez (que non é galega nin corre con ficha da Federación Galega), que liderou a proba dende o inicio (1:06:48). Pola súa banda, Diana Cotón (Arcade Inforhouse) saíu da auga na 13ª posición e remontou varias posicións facendo un segmento de bicicleta espectacular. E iso a pesar de que no último quilómetro se lle afrouxou o pedal e decidiu soltalo e facer este último tramo só pedaleando cunha perna. Así, fixo a segunda transición na terceira posición e na carreira a pe remontou ata a segunda posición.

 

serrat altafullaNa categoría masculina, Antonio Serrat (Wild Wolf) tivo unha proba bastante complicada tras facer unha regular natación e saír da auga na posición 14ª a 36 segundos do primeiro. Así, tocou traballar e moito na bicicleta, pero o vigués estivo so na súa tarefa. Mentres que o primeiro grupo tiraba moi forte e coordinado, no segundo só traballaba Antonio Serrat sen a colaboración do resto dos deportistas. Así, Antonio chegou á segunda transición con 50 segundos de desvantaxe, pero na carreira a pe –a súa especialidade- fixo unha espectacular remontada ata lograr o bronce e quedar a só trece segundos da medalla de prata. Antonio Benito proclamouse campión de España cun tempo de 57:12, segundo foi Roberto Sánchez (58:31) e terceiro Antonio Serrat (58:44).

 

Xornada do sábado. Andrés Cendán (Dexter Compostela) e Inés Santiago (Tríatlon Ferrol) proclamáronse onte campións de España de Tríatlon cadete na distancia sprint en Altafulla (Tarragona). Ademais, na clasificación de clubs, o Dexter Tríatlon logrou a prata en cadete masculino.

 

Na proba masculina, o galego Andrés Cendán partía coma un dos favoritos e así estivo entre os primeiros dende o principio. Dende a natación estivo entre os cinco primeiros clasificados e baixo da bicicleta para enfrontar a carreira a pe na segunda posición e no último segmento remontou ata acadar a primeira posición e proclamarse campión de España da distancia sprint.

 

Na proba feminina, Galicia contaba con varias deportistas para loitar polos primeiros postos e todas elas renderon a un bo nivel. Inés Santiago saíu da auga na primeira posición, con Carmen Gómez (Tríatlon Ferrol) a só catro segundos de distancia. Na bicicleta, Inés logrou escaparse e xa fixo a segunda volta ao circuíto de ciclismo en solitario e así enfrontou o terceiro segmento, polo que logrou unha vitoria incontestable. Carmen foi cuarta clasificada e moi cerca das medallas (a dez segundos), mentres que Carla Castaño foi oitava.

 

Quizáis che interese…