Campionato perfecto para Galicia. As e os deportistas galegos gañaron todo o que estaba en xogo en A´Alfás del Pi (Valencia), onde se celebrou o Campionato de España de Tríatlon por seleccións autonómicas na categoría cadete. O xoves, Galicia gañou a proba de acuatlón e hoxe proclamouse campioa no tríatlon escolar por relevos tanto na categoría masculina coma feminina. Sen dúbida o mellor resultado da historia da Federación Galega de Tríatlon neste campionato escolar.
Na proba feminina, o equipo galego estivo formado por Carla Castaño, Carmen Gómez e Inés Santiago, que o día anterior renderan a un nivel excepcional no acuatlón. E máis do mesmo para hoxe. Carla foi a primeira en saír e no seu mini triatlon (300 metros de natación, 4 quilómetros de bicicleta e 1.500 metros de carreira a pe) xa logrou entregar a testemuña na primeira posición. E despois Carmen e Inés Santiago ampliaron a distancia ata máis de tres minutos co segundo clasificado. Galicia acadou un tempo de 58:56, mentres que o segundo equipo foi Valencia (1:02:19).
Na categoría masculina, Galicia tamén fixo un magnífico papel e logrou a medalla de ouro grazas a unha actitude encomiable. O primeiro en saír foi Alejandro Pardo e entregou a testemuña a Marcos Ruíz na terceira posición, aínda que bastante cerca dos dous primeiros clasificados. Marcos fixo o seu traballo a perfección e xa deu paso a Andrés Cendán na primeira posición e este terminou o traballo cun tempo excepcional de 53:23. Na segunda posición chegou Valencia a 31 segundos e terceiro foi Andalucía a 59 segundos.
O adestrador da selección galega, Jonathan Cancelas destacou que “os relevos saíron tal e como o tiñamos plantexado ou incluso mellor. E teño que destacar que estiveron enormes tanto na actitude amosada como no estado de forma”.